O prazo de solicitude das axudas para contratar a máis de 500 persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro segue aberto ata o 22 de agosto

A Xunta destina 8,5 millóns de euros a esta iniciativa coa que prevé apoiar a unhas 150 organizacións

O Goberno galego quere poñer en valor a colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que traballan cos colectivos con maiores dificultades de inserción

As axudas suporán de media máis de 56.600 euros, 16.800 por traballadora ou traballador contratado

Cerca de 9.200 persoas desempregadas foron contratadas desde 2009 no marco desta convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
 

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade continúa co prazo aberto ata o próximo 22 de agosto para recibir as solicitudes das entidades sen ánimo de lucro interesadas nas axudas dedicadas a fomentar o emprego. A Xunta destinará 8,5 millóns de euros a estes programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro dirixidas á contratación de persoas sen emprego.

Por medio desta iniciativa, o Executivo galego aspira a que unhas 150 organizacións incorporen arredor de 505 persoas sen emprego. Con esta liña, a preténdese mellorar a empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición da experiencia profesional; fomentando, de xeito paralelo, a súa inserción no sector dos servizos sociais.

Para optar a estes apoios, as entidades beneficiarias deberán constar inscritas no correspondente rexistro como “iniciativa social” e garantir a contatación a tempo completo durante nove meses das persoas desempregadas. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero a duración dos contratos poderá chegar ata os 12 meses.  

Segundo as previsións da Xunta, cada entidade beneficiaria recibirá un importe medio de 56.666 euros, 16.831 euros por persoa traballadora contratada. Ademais, dos 8,5 millóns de euros de orzamento da convocatoria, 3 millóns destinaranse con carácter prioritario a contratacións nos denominados proxectos singulares, que son desenvolvidos por entidades que prestan servizos a outras, a colectivos con máis dunha área de actuación ou con máis de 100 profesionais ao seu cargo.  

O ano pasado, grazas a esta convocatoria, 150 entidades percibiron axudas para cubrir os custos de 503 traballadores. Desde o ano 2009, este programa permitiu a contratación de preto de 9.200 persoas desempregadas.

As políticas activas do Goberno galego están orientadas a prestar unha atención prioritaria a colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Para acadalo, a Xunta pon en valor con iniciativas deste calado a imprescindible colaboración das entidades sen ánimo de lucro para a creación de emprego mediante a prestación de servizos de interese xeral e social.

Imaxes relacionadas