O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, entregou un dos galardón deste concurso que continuará ata o domingo

A Xunta destaca o compromiso social de ‘Equiocio’ durante a celebración do seu certame hípico

En concreto, fixo entrega do premio na categoría ‘Consellería de Política Social e Xu-ventude’ e visitou os postos de distintas entidades sociais no marco deste programa
 

Trátase dun evento a escala nacional que se celebra ao longo deste fin de semana co apoio do Goberno galego
 

Ferrol, 5 de agosto de 2022

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, fixo entrega esta tarde do trofeo ‘Consellería de Política Social e Xuventude’ no marco do certame hípico Equiocio 2022. O galardón recoñece ao gañador dunha das probas deste concurso, que se celebra na localidade ferrolá de Covas.

 

O evento, que conta coa colaboración do Executivo autonómico, ten lugar dende hoxe e ata este domingo e inclúe tanto probas de salto de cabalos como outras actividades de marcado carácter social. A estas últimas achegouse tamén o director xeral, para coñecer talleres como o de lingua de signos impartido pola Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF) ou o de creatividade consciente a cargo da Asociación Sociocultural ASCM.

 

Durante o acto de entrega do premio, Fernando González Abeijón destacou o constante compromiso amosado por Equiocio con distintas causas sociais a través de múltiples actividades, coas que colabora a Xunta de Galicia mediante unha achega total de 30.000€. Destacou especialmente as iniciativas postas en marcha pola entidade como parte do programa Equiocio Inclusivo, que fornece a usuarios de varias entidades sociais da zona a oportunidade de participar en distintas experiencias adaptadas ás súas necesidades.

Imaxes relacionadas