A Xunta licita o contrato para instalar 34 bancos públicos en preto dunha trintena de aldeas do concello de Montederramo

A actuación enmárcase no plan Hurbe específico que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver na Ribeira Sacra

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia vén de licitar o proxecto para mellorar os equipamentos públicos dunha trintena de núcleos rurais do municipio, cun investimento total previsto de case 40.000 euros.

A intervención consistirá no subministro e instalación dun total de 34 bancos de madeira tratada contra a couza, termitas e insectos en 28 aldeas do concello: Gabín, Os Abeledos, Cacharrequille, Vigueira de Arriba, Mazaira, Valdarias, Touzal, A Mogaínza, Paredes, As Corraínzas, O Regueiro, O Outeiro, Os Pereiros, Valderrique, Santiago da Medorra, A Graña, San Fitoiro, Vigueira de Abaixo, Ferrón, A Retorta, Moás, Vila Pequena, Veducedo, Cascarballo, A Xestosa, A Mioteira, A Reguenga e Vilariño Pequeno.

Con esta actuación, para a que a Xunta aportará o 70% do financiamento e o Concello o 30% restante, búscase elevar o actual nivel de servizos á disposición da veciñanza de Montederramo co fin de promover o seu benestar e incrementar o atractivo e a humanización dos referidos núcleos e da praza do concello.

A participación da Xunta neste proxecto enmárcase no seu compromiso á hora de brindar apoio económico ás entidades locais para promover actuacións que, como esta, contribúen a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos cidadáns reforzando os equipamentos públicos.

Cómpre lembrar, ademais, que esta intervención se enmarca no chamado plan Hurbe específico para a Ribeira Sacra. Trátase dunha das 10 medidas incluídas dentro do Plan de acción estratéxico para esta zona que aprobou en 2019 a Consellería co fin de impulsar actuacións por 4,5 millóns de euros para mellorar a súa planificación e protección a nivel paisaxístico, urbanístico e ambiental.

En concreto, o departamento autonómico e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra seleccionaron unha serie de proxectos a desenvolver en concellos da zona co fin de mellorar equipamentos, humanizar rúas ou urbanizar espazos públicos. O orzamento comprometido por parte da Xunta a tal fin ascende a 1,3 millóns de euros e os primeiros convenios asinados en 2021 xa están en execución.