A Xunta retirou máis de 2.200 niños de avespa velutina no primeiro semestre do ano no marco do plan centralizado cos concellos

O vicepresidente segundo visitou as instalación de Seaga en Bergondo para coñecer o funcionamento do Plan de control de velutinas ao que están adheridos 306 concellos galegos

O Goberno galego, aproveitando o papel das novas tecnoloxías, vén de habilitar un chatbot no servizo do 012 para facilitar o contacto cos cidadáns e informar da presenza dos niños complementario ás chamadas no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía
 

Bergondo (A Coruña), 5 de agosto de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións da empresa pública Seaga en Bergondo co obxectivo de coñecer o operativo para o control da avespa velutina. No primeiro semestre do ano a Xunta retirou 2.238 niños desta especie, no marco do plan centralizado acordado cos concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). 

 

A Coruña é a provincia que rexistrou un maior número de niños eliminados ou neutralizados, con máis dun milleiro -1.032-, seguida dos 913 na provincia de Pontevedra. En Lugo e Ourense retiráronse 182 e 111 niños, respectivamente. Cómpre sinalar que neste terceiro ano en vigor do plan son xa 306 os concellos que se sumaron ao plan, o que representa un 98% de adhesión.

 

Na súa visita a Bergondo, Diego Calvo percorreu as instalacións e coñeceu de man do persoal técnico o desenvolvemento do operativo e o reforzo dos recursos nesta época do ano na que medra a actividade. Segundo explicaron, desde a alerta recibida no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, o prazo medio para a retirada dos niños é de 5 días hábiles. O período pode ser maior en casos onde son inalcanzables ou dificilmente accesibles e requiren actuacións complementarias ou permisos administrativos ou de propietarios. Cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos son derivados aos servizos a través do 112.

 

Concretamente no primeiro semestre, o número de avisos recibidos ascendeu a 6.208, cunha media de 34 ao día e o 83% deles concentrados nas provincias de A Coruña e Pontevedra. Así, ao total dos niños retirados súmanse outros 3.263 que estaban inactivos, 553 casos nos que non procedeu actuar por tratarse doutras especies diferentes da velutina ou por non poder visualizarse de forma directa, e outros 64 por ser avisos duplicados xa comunicados por outros cidadáns da zona.

 

Reforzo na liña 012

Ao igual que en 2021, tendo en conta que esta época do ano é a de maior actividade e proliferación da avespa velutina, desde mediados de xullo e ata a metade de setembro, a Xunta reforza a liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para estender a súa cobertura a todos os días da semana dende as 08,00 ás 20,00 horas. O resto do ano está activa de luns a venres tamén nese horario e os sábados, de 08,00 a 17,30 horas.

 A maiores, a Xunta está a traballar na implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto cos cidadáns. Nesta liña, en xullo entrou en funcionamento un chatbot complementario ás chamadas ao 012 que permite contactar co servizo 012 as 24 horas do día e os 365 días do ano. Trátase dunha contorna de chat similar á doutros servizos en liña, que conta con opcións pechadas de resposta para guiar as persoas usuarias co obxectivo de rexistrar o aviso de forma adecuada.

 

O Goberno galego mantén ademais o servizo de comunicación de resolución de avisos mediante SMS coas persoas que deron a notificación para informalas, o que supuxo no primeiro semestre deste ano un total de 6.111 mensaxes enviadas. Neste servizo integrouse o ano pasado a aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final. Este ano realizáronse melloras ao facilitar a súa integración cos servizos de emerxencias do 112. Permítese así que se poidan derivar de forma automática os avisos para mobilizar os medios de retirada nos casos máis urxentes.

 

Traballo coordinado cos concellos

Con este plan centralizado de loita contra a avespa velutina, a Administración autonómica continúa a ofrecer unha solución homoxénea en todas as zonas afectadas coa finalidade de acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización dos niños. Así, trabállase de forma coordinada cos concellos co obxectivo de loitar contra esta especie invasora e reducir a intranquilidade que lle ocasiona a súa presenza á cidadanía.

 

A Xunta xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da avespa asiática na comunidade. Ante o aumento da súa presenza, en 2020 decidiuse redobrar os esforzos e actuar de xeito conxunto coa Fegamp a través dun plan centralizado para frear o seu avance en colaboración cos concellos nos labores de retirada e extinción dos niños.

Imaxes relacionadas