A Xunta promove 24 actuacións artísticas ata final de ano na Mariña a través da rede galega de teatros e auditorios

A Banda da Loba abrirá mañá o cartel de Burela, municipio que xunto a Foz, Ribadeo e Viveiro forma parte dende a comarca mariñá deste circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as entidades locais asociadas

Esta programación cultural, organizada en colaboración con 37 concellos de toda Galicia, superará este ano as 500 representacións escénicas e concertos grazas á contratación de 181 colectivos creadores
 

Burela (Lugo), 5 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia contribúe ás programacións culturais de Burela, Foz, Viveiro e Ribadeo con 24 actuacións artísticas que se ofrecerán neste segundo semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O cartel en Burela deste circuíto de exhibición de espectáculos, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto ás entidades locais asociadas, arrancará mañá cun concerto da Banda da Loba. A formación presentará o seu novo disco, Xabón Lagarta, ás 22,00 h. na praza do Concello.

 

Esta será unhas das dúas actuacións programadas ata decembro en Burela, que xa no primeiro semestre acolleu sete espectáculos teatrais ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A seguinte cita co público burelao chegará o 5 de novembro e correrá a cargo da compañía A Panadaría, que fará un pase na Casa da Cultura de As que limpan, obra que está a xirar con grande éxito por toda España.

 

Próximas citas en Foz

Co concerto da Banda da Loba de mañá, Burela converterase no segundo concello da Mariña que inicie a súa oferta semestral dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Foz xa brindou dende o pasado 12 de xullo catro das 14 actuacións que ten previsto albergar ao abeiro deste programa de distribución de espectáculos. Tras as representacións realizadas nas últimas semanas por Píscore, o Mago Teto, Teatro ó Cubo e Elefante Elegante no patio do Colexio nº 1, cómpre sumar as pezas do resto de compañías que actuarán ata decembro.

 

Ghazafelhos chegará a Foz o vindeiro día 23 de agosto para amosar a súa peza para público familiar H2...OH!, mentres que o dúo formado por Marcos Orsi e Luís Iglesia representarán o 7 de outubro Conexión Pingüín, espectáculo de Culturactiva que iniciará a carteleira prevista para o outono. Ese mesmo mes, pola Casa da Cultura focense pasarán ArtesaCía coa súa montaxe Illas desestas o día 14, Malasombra Producións con SÓS o xoves 20eMigallas Teatro fará o propio catro días despois coa peza Cantacontos. Teatro do Noroeste encargarase de despedir outubro o día 28 coa súa produción Gloria nacional, protagonizada por Miguel Pernas, Luma Gómez e Manuela Varela.

 

Ghazfelhos regresará con Ninja o 5 de novembro, mes no que está prevista unha segunda cita o 11 co espectáculo Feminíssmas, de De Ste Xeito Producións. Decembro ficará reservado en Foz para Talía Teatro, que representará o sábado 10 Lambetadas, e para Migallas, que conmemorará o seu trinta aniversario xusto o domingo seguinte.

 

Sete citas teatrais en Viveiro

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá de outubro a decembro sete espectáculos teatrais. A súa oferta enmarcada na Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta principiará o 15 de outubro coa xa citada Conexión Pingüin e incluirá as obras CUBO, de Elefante Elegante, o 29 dese mesmo mes; A cazola Lola, de Tanxarina, o 5 de novembro; Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, o 12 de novembro, e Continente María, achegamento escénico á figura de María Casares, de Ainé en coprodución co Centro Dramático Galego, que queda fixado para o 26 de novembro. Chévere con As Fillas Bravas e N+1 Teatro Circo Danza con Divertimentos pecharán os días 3 e 10 de decembro, respectivamente, o cartel viveirense. 

 

Pola súa banda, Ribadeo contará cunha única función neste segundo semestre, tras programar no anterior sete actuacións. Será o 23 de outubro, día en que as marionetas de gran formato de Galitoons subirán ao escenario do Auditorio Municipal Hernán Naval para amosarlle ao público familiar a súa montaxe Golulá.

 

A Rede Galega de Teatros e Auditorios iniciou en xullo a súa programación para o segundo semestre deste 2022, durante o cal se celebrarán 201 funcións escénicas e concertos nos 37 concellos galegos adheridos. Deste xeito, superaranse no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas no 2022, para o que se dispón dun orzamento global de máis de 1,8 millóns de euros.

Imaxes relacionadas