A Xunta inicia en Baroña os traballos de recuperación dos petróglifos da Gurita e do Outeiro da Pedra Bicuda

A actuación, que a Consellería de Cultura financia con 18.000 €, abrangue a limpeza, documentación e consolidación dos gravados rupestres dunha das estacións arqueolóxicas de maior complexidade da península do Barbanza

Porto do Son (A Coruña), 4 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia vén de iniciar os traballos de recuperación arqueolóxica dos petróglifos da Gurita I e do Outeiro da Pedra Bicuda 2, localizados na parroquia de San Pedro de Baroña, en Porto do Son.

 

A actuación, impulsada pola Consellería de Cultura cun investimento de 18.000 euros, abrangue a limpeza, documentación e consolidación dos gravados rupestres localizados nesta estación arqueolóxica que é considerada unha das de maior complexidade da península do Barbanza.

 

O obxectivo final é tratar de recuperar os gravados ao seu estado previo e mellorar as súas condicións de conservación e de lectura, para o que é necesario limpar a rocha afectada e aplicar os tratamentos de restauración oportunos e os métodos máis axeitados. Ademais, vaise aproveitar a intervención para realizar unha exhaustiva documentación gráfica actualizada destes gravados.

 

Así pois, durante os catro meses de prazo de execución do contrato, o persoal técnico especializado en patrimonio vaise encargar de acometer a limpeza do soporte e dos gravados dos mencionados petróglifos, de realizar unha diagnose do seu estado de conservación para identificar os danos e patoloxías co fin de aplicar o tratamento de restauración e reparación máis axeitado e, posteriormente, proceder á aplicación dos tratamentos que sexan necesarios para a súa recuperación.

 

Protección contra os lumes

Así mesmo vaise crear unha franxa de protección contra os lumes, acondicionarase unha zona de acceso aos mesmos e instalarase unha plataforma ao pé do petróglifo da Gurita I que permita e facilite a visita pública en condicións de seguridade.

 

A intervención complétase con traballos de documentación e rexistro dos petróglifos (que inclúe o modelado 3D do soporte e das figuras, escaneado e rexistro fotográfico diúrno e nocturno), a elaboración dun protocolo anual de limpeza e mantemento da zona e actuacións de divulgación dos valores do patrimonio cultural entre a comunidade local.

 

O petróglifo da Pedra Gurita I destaca pola grande cantidade de zoomorfos documentados (un total de 47) entre os que sobresaen varias representacións de cervos, dotados en ocasións dunha prominente cornamenta, así como figuras animais sen cornos interpretadas como femias de cérvidos. Tamén destaca, debido ao seu carácter extraordinario, a que probablemente sexa a representación solar máis clara e espectacular da arte rupestre galaica.

 

O petróglifo de Outeiro da Pedra Bicuda 2 consta de dous zoomorfos de considerables dimensións, probablemente cérvidos nunha composición que se interpreta como unha escena de mama.

Imaxes relacionadas