A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprobou hoxe as melloras realizadas no local social de Bailía, en Ordes

A Xunta mobiliza un total de 6,5 millóns de euros en axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en máis de 260 concellos galegos

A través de dúas liñas de subvención, dirixidas a particulares e a concellos, este ano o Goberno galego concedeu máis de 1000 axudas, o dobre que en 2021

Debido ao éxito da convocatoria, incrementouse en máis de 1,2 M€ a orde de subvencións destinada a particulares, ata chegar aos 2,8 M€
 

Ordes (A Coruña), 2 de agosto de 2022

A Xunta mobilizou un total de 6,5 millóns de euros en axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en máis de 260 concellos galegos, o que, segundo aseverou hoxe en Ordes a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, constata a grande e positiva repercusión no eido ambiental e social desta liña de financiamento.

 

Durante unha visita ao local social de Bailía para comprobar o resultado das obras realizadas ao abeiro destas subvencións, Ángeles Vázquez subliñou que o Goberno galego concedeu este ano máis de mil axudas, o dobre que en 2021. No caso do concello de Ordes, a Xunta financiou unha obra municipal e outorgou 15 subvencións a particulares.

 

Precisamente a boa acollida da convocatoria permitiu incrementar o financiamento previsto. Así, no caso dos particulares ampliouse o orzamento inicial de 1 M€ ata os 2,8 M€ e, no que respecta aos concellos, pasouse de 600.000 euros a 800.000 euros. De feito, a Consellería vén de ampliar o prazo para xustificar a actuación realizada ata o 31 de outubro.

 

Subvencións a concellos

No caso dos concellos, estas axudas teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos tanto en edificios de titularidade municipal como en certos equipamentos de titularidade municipal. Este ano, atendeuse un total de 42 solicitudes.

 

No que respecta á distribución das axudas por provincias, 9 concellos coruñeses recibiron algo máis de 225.000 euros; en Lugo, concedéronse case 240.000 euros para actuacións en 16 municipios; 15 localidades ourensás contaron con preto de 300.000 euros, e en Pontevedra 2 concellos contaron cun financiamento de 36.000 euros.

 

A contía máxima de axuda fixouse no 70% do orzamento do investimento subvencionable cun límite máximo de 40.000 euros por concello.

 

Cómpre salientar que estas subvencións contan con dúas liñas de axudas. Na Liña I actuase en edificios ou dependencias destinados á prestación de servizos municipais financiando a renovación do acabado exterior das fachadas, o remate ou renovación do acabado exterior das cubertas, e o revestimento ou renovación de muros de cerramento de predios. De feito, neste apartado enmárcanse as obras visitadas hoxe pola conselleira en Ordes e que, cun financiamento de case 24.000 euros, permitiron reparar a fachada, cambiar portas e fiestras e amañar o peche perimetral do local social de Bailía.

 

Na Liña II fináncianse tanto actuacións de índole menor -fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos- como melloras noutras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos.

 

Na convocatoria deste ano, simplificáronse os trámites, reduciuse a documentación a presentar e introducíronse novidades técnicas co fin de ampliar o ámbito das actuacións subvencionables e de gañar en eficacia e eficiencia.

 

Axudas a particulares

No que atinxe aos particulares, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) atendeu as solicitudes de 1.025 beneficiarios.

 

A maior parte destas subvencións concedéronse na provincia da Coruña con 333 axudas en 78 concellos por un importe de máis de 900.000 euros. Séguelle Lugo con 313 subvencións concedidas en 61 municipios cun financiamento de preto de 880.000 euros. No caso de Ourense, destináronse algo máis de 500.000 euros a 195 axudas en 59 localidades. Finalmente, en Pontevedra financiáronse 184 axudas en 47 concellos con algo máis de 500.000 euros.

 

As axudas fináncianse integramente con fondos propios da Xunta, sendo subvencionable en cada solicitude o 70% do orzamento previsto, cun límite máximo de 3.000 euros por beneficiario e ben.

 

Son obxecto de subvención actuacións como o revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedar á vista; a renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpinterías ou cerrallarías exteriores; o remate ou renovación do acabado exterior de cubertas; o revestimento de muros de cerramento de fincas realizados con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir, e a recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais.

Imaxes relacionadas