O 95% dos alumnos do obradoiro dual de emprego Rehabilitación da casa peóns camiñeiros en Culleredo acceden a un traballo en empresas da contorna

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura desta iniciativa que a Xunta apoiou cunha achega próxima aos 350.000 euros

Un total de 20 persoas sen emprego formáronse en traballos de carpintería e de revestimento e accederon a un contrato laboral durante nove meses

Ao remate do obradoiro, 19 participantes atoparon un traballo en empresas da contorna grazas aos incentivos á contratación que inclúe este programa autonómico

Lado destacou a colaboración dos concellos con este programa dual que combina os intereses das persoas sen emprego que reciben formación e un emprego cos intereses colectivos, xa que os alumnos realizan un traballo produtivo en actividades de utilidade pública e social
 

Culleredo (A Coruña), 2 de agosto de 2022

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe en Culleredo na clausura do obradoiro dual de emprego Rehabilitación da casa peóns camiñeiros, no que 20 persoas sen emprego, a través dun investimento próximo aos 350.000 euros, recibiron ao longo de nove meses o acceso a un contrato de traballo e formación nas especialidades de revestimentos lixeiros e técnicos en construción e instalación de elementos de carpintería.

Os alumnos tiveron, ademais, a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos para o beneficio social da súa veciñanza, pois encargáronse da conversión da antiga casa dos peóns camiñeiros nun centro de interpretación do Camiño Inglés. O edificio ten unha antigüidade de 90 anos e a súa reforma tivo como obxectivo conservar a memoria das sendas e camiños tradicionais e subliñar o valor do territorio. Amais, esta iniciativa veu dar resposta a unha situación de falta de man de obra no sector da construción.

Lado resaltou que os obradoiros de emprego consolídanse coma “unha ponte idónea para a inserción no mercado de traballo”; pois ao remate deste obradoiro 19 dos seus participantes atoparon emprego en empresas da contorna, grazas tamén aos incentivos á contratación que inclúe o programa autonómico. A directora xeral destacou o dobre atractivo destes obradoiros ao combinar “os intereses das persoas sen emprego cos colectivos”, xa que os alumnos realizan un traballo produtivo en actividades de utilidade pública e social.

Así mesmo, Lado sinalou a importancia do modelo dual ao permitir a formación do alumnado e unha oportunidade laboral, dunha banda; e a ampliación dos servizos e prestacións municipais, doutro lado. Ademais, fixo fincapé no compromiso do Goberno galego para ofrecer ás persoas ocupadas e desempregadas “unha formación innovadora e os mellores recursos para impulsar unha formación especializada e eficaz” que se adapte ao contexto laboral en permanente evolución.

A Xunta, neste eido, continúa apostando polos obradoiros duais de emprego. “Confírmanse como un dos mellores e máis efectivos instrumentos para a mellora da empregabilidade das persoas que participan neles”, subliñou.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por iso, incrementou este ano o orzamento destinado a esta iniciativa, unha orde de axudas que vén de resolverse cun orzamento de 40,8 millóns de euros. Na actualidade, a Administración autonómica está a tramitar unha partida adicional de 10 millóns de euros para que se poidan levar a cabo máis obradoiros en toda Galicia, o que permitirá desenvolver cun crédito de 50,8 millóns de euros máis dun cento de obradoiros para formar a 2.000 persoas sen emprego. Para o próximo curso, a duración destes programas aumenta, pasando dos nove meses actuais aos 12 meses nos que se ofrecerá formación e un contrato laboral aos seus participantes.