A Xunta activa unha alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense

O episodio comeza previsiblemente ás 13,00 horas

Tamén estarán en alerta amarela por temperaturas máximas o suroeste da Coruña; as Rías Baixas e a zona do Miño, en Pontevedra; o sur de Lugo e o noroeste, o sur e a zona de Valdeorras, en Ourense

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal
 

 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2022.-A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para hoxe a alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece ás 13,00 horas.

 

Ademais, estará activo o nivel amarelo por altas temperaturas no suroeste da Coruña; nas Rías Baixas e na zona do Miño, en Pontevedra; no noroeste, sur e área de Valdeorras, en Ourense; e no sur da provincia de Lugo.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

 

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

 

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Ademais, recórdase que nunca debe deixarse a nenos  e nenas ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.