A Xunta promove a recuperación das tradicións co novo campo de voluntariado ‘Saberes de onte e de sempre’ de Bande

O grupo de voluntarios que se dan cita nesta proposta entrevistan á veciñanza da zona para coñecer lendas, historias e o pasado da vila

Bande (Ourense), 31 de xullo de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o campo de voluntariado Saberes de onte e de sempre, que se celebra dende o pasado martes na localidade ourensá de Bande. Trátase dun programa de nova creación, dentro da campaña O verán que queres contar do Goberno galego, que busca recuperar as tradicións populares da vila.

 

Durante esta experiencia, que se prolongará ata o vindeiro sábado, os participantes entrevistan aos veciños para coñecer e recompilar por escrito saberes, tradicións, lendas e oficios antigos. O obxectivo é poñelos en valor, garantir a súa preservación e difundilos ás novas xeracións. O programa inclúe visitas ao campamento romano Aquis Querquennis, o Parque Natural do Xurés ou a zona termal; así como actividades como baños no río ou caiac.

 

Cristina Pichel lembrou aos voluntarios a importancia do seu traballo, deixando para a posteridade o legado dun patrimonio que se perdería de non ser pola súa intervención. Tamén destacou a boa acollida que está a ter a nova edición da Campaña de Verán da Xunta, tanto pola oportunidade de lecer e diversión que supón para os mozos como por tratarse dun recurso de conciliación fundamental para moitas familias.

 

Teatro e aventura en Entrimo

Cristina Pichel achegouse tamén ao municipio de Entrimo para visitar aos rapaces que forman parte da terceira quenda do campamento Teatro e aventura na natureza, que ten lugar dende este venres e ata o próximo domingo no Albergue Penedos de Xacinto.

 

Esta iniciativa, da que desfrutan nenas e nenos de entre 9 e 13 anos, persegue fomentar as súas habilidades de comunicación a través de obradoiros de dramatización, expresión corporal, circo, malabares ou equilibrio. Estes obradoiros compleméntanse con actividades como deportes acuáticos, escalada en interior, orientación con GPS ou tiro con arco.

 

O programa acollerá entre o 12 e o 21 de agosto ao seu último grupo de rapaces, que tamén gozará dunha semana chea destas e outras actividades.

 

A campaña de verán da Xunta deste ano é a máis ambiciosa da historia con 10.800 prazas en campos de voluntariado, campamentos, minicampamentos e outras actividades.

Imaxes relacionadas