A Xunta actualizará o censo de aves acuáticas invernantes en Galicia para coñecer o estado de conservación destas especies e dos seus hábitats

Este reconto farase no mes de xaneiro, que é cando se rexistran menos movementos entre as distintas localidades
 

Acaba de pechar o prazo para presentar ofertas á licitación para realizar este censo no período 2023-2025 cun orzamento de máis de 86.000 euros
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2022

A Xunta actualizará o censo de aves acuáticas invernantes en Galicia para coñecer o estado de conservación destas especies e dos seus hábitats. A elaboración deste censo resulta unha base esencial para o desenvolvemento de prioridades de conservación de especies e para valorar os cambios a longo prazo no tamaño das súas poboacións. 

 

Ademais, tamén supón un instrumento fundamental que proporciona valiosa información para o seguimento ambiental dos humidais, debido principalmente á gran dependencia que estas aves teñen destes ecosistemas e ao seu valor como indicador biolóxico da calidade destas áreas.

 

A realización deste censo enmárcase nos traballos que a Xunta leva realizando desde 1987 no esquema rexional África-Eurasia do Censo Internacional de Aves Acuáticas, un dos máis antigos e amplos dentro dos programas de vida salvaxe que se efectúan no eido internacional.

 

Así, a información recompilada nos censos rexionais emprégase con distintos obxectivos de xestión e conservación de especies e lugares, e a distintas escalas xeográficas. Faise un seguimento do tamaño numérico das poboacións de aves acuáticas; descríbense os cambios no número e distribución destas poboacións; identifícanse as zonas húmidas de importancia internacional para as aves acuáticas, e proporciónase información para axudar á protección e xestión das poboacións de aves acuáticas a través de convencións internacionais, lexislación nacional e outros medios.

 

O reconto destas aves ten lugar en Galicia no mes de xaneiro, que é cando se rexistran menos movementos entre as distintas localidades. Nese momento, estas especies concéntranse en humidais mariños e costeiros, continentais e artificiais.

 

Cómpre lembrar que a maior parte destes humidais inclúense en espazos da Rede Natura 2000, formando parte de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) como as de Ribadeo; ría de Ortigueira e Ladrido; complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Costa da Morte (Norte); costa de Ferrolterra-Valdoviño; complexo litoral de Corrubedo; ría de Foz, e Esteiro do Miño.

 

A maiores, outros espazos da Rede Natura 2000 como as Zonas Especiais de Conservación (ZEC) tamén acollen humidais de intereses para as aves acuáticas: Costa Ártabra, Encoro de Abegondo-Cecebre, Betanzos-Mandeo, Carnota-Monte Pindo, Esteiro do Tambre, Monte e lagoa de Louro, Parga-Ladra-Támoga, A Ramallosa, Gándaras de Budiño e Enseada de San Simón.

 

Nesta liña de inventariar as aves acuáticas que invernan en Galicia, a Xunta vén de pechar o prazo para presentar ofertas á licitación para realizar este censo no período 2023-2025 nun mínimo de 75 localidades, tanto costeiras como de interior, cun orzamento de máis de 86.000 euros, confinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR).