O Parque Nacional das Illas Atlánticas remata os trámites para a renovación da Carta Europea de Turismo Sostible

Trátase dun distintivo de promoción e conservación que ten como obxectivo global promover o desenvolvemento do turismo en clave de sustentabilidade nos espazos naturais protexidos de Europa

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2022

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas vén de rematar os trámites para a renovación da Carta Europea de Turismo Sostible (CETS), un distintivo de promoción e conservación que outorga a Federación EUROPARC e que ten como obxectivo global promover o desenvolvemento do turismo en clave de sustentabilidade nos espazos naturais protexidos de Europa.

 

Deste xeito, o parque nacional vén de deseñar a estratexia de turismo sostible para o período 2022-2025 que conta con catro obxectivos operativos fundamentais.

 

En primeiro lugar, cómpre fomentar e mellorar a coordinación, a comunicación, a participación e a colaboración de todos os actores implicados na conservación e desenvolvemento turístico do territorio, así como poñer en valor a CETS como elemento aglutinador e dinamizador.

 

O Parque proponse non só reforzar os seus vínculos e mecanismos de cooperación coas empresas privadas empregando as sinerxías positivas do Foro da CETS como órgano de participación e debate, senón tamén iniciar o procedemento para a adhesión das axencias de viaxes que comercialicen produtos turísticos de calidade.

 

A maiores, o parque traballará para reforzar a colaboración con outros espazos protexidos tanto do territorio español como de ámbito europeo que conten coa acreditación CETS e participar nas redes, foros e eventos relacionados con este proxecto.

 

Tamén se traballará para mellorar o coñecemento, seguimento, conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural a través do turismo. Aínda que o parque ofrece na actualidade un bo número de actividades e servizos, é fundamental que o sector turístico participe na ampliación e mellora da oferta no ámbito do turismo de natureza.

 

No que respecta á mellora do comportamento ambiental, a calidade e a responsabilidade social, avanzaranse propostas para aumentar a eficiencia enerxética, utilizar enerxías renovables e facer unha xestión sostible dos recursos.

 

Ademais, deseñaranse actividades, produtos e experiencias específicas para cada tipo de perfil, facendo fincapé nos colectivos con diversidade funcional e en risco de exclusión social.

 

Nesa liña de reforzar a calidade turístico, é fundamental que tanto o persoal do parque como os profesionais que traballan nel posúan a formación necesaria para desenvolver as súas tarefas de forma eficaz, polo que se fomentará a súa reciclaxe formativa e a ampliación dos seus coñecementos sobre os recursos naturais e culturais deste espazo protexido.

 

Finalmente, o parque aproveitará a súa notoriedade para potenciar non só o desenvolvemento e coñecemento dos 4 arquipélagos, senón tamén dos 4 municipios que os acollen. Para acadar ese obxectivo, consensuarase unha estratexia de comunicación conxunta con todas as entidades turísticas con competencias no territorio, incidindo na imaxe de espazo protexido con valores culturais, interesante para a visita ao longo de todo o ano, e vinculado ás particularidades de cada unha das zonas.

Imaxes relacionadas