A Xunta formaliza a adxudicación de cinco parcelas de máis de 108.000 metros cadrados na Plisan

Lonza Biologics Porriño S.L. ocupará preto de 102.000 m2 e o Centro Logístico Plisan, S.L., máis de 6.600

Actualmente, están adxudicados máis de 220.000 m2, o que supón máis do 62 por cento do solo dispoñible neste parque empresarial

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022

A Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca veñen de asinar, esta mañá, as escrituras polas que se adxudican formalmente 5 parcelas –un total de 108.544,48 m2- na plataforma loxístico-industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) ás empresas Lonza Biologics Porriño, S.L. e aos Centro Logístico Plisan, S.L.

 

A empresa Lonza Biologics Porriño, S.L. asinou as escrituras de adxudicación de catro parcelas, cunha superficie total de 101.899,61 m2, valoradas en máis de 5,4 millóns de euros. A adxudicación realízase en forma de dereito de superficie, polo que a empresa pagará un canon de menos de 0,80 euros por m2 e ano, que supón un total de 81.331,17 euros anuais os dous primeiros anos. A empresa destinará as parcelas a un centro produtivo de produtos farmacéuticos.

 

Pola súa banda, o Centro Logístico Plisan S.L. asinou as escrituras de adxudicación dunha parcela de 6.644,87 m2, valorada en preto de 0,48 millóns de euros. Como no caso anterior, a adxudicación tamén se realiza en forma de dereito de superficie, polo que a empresa pagará un canon de menos de 1,08 euros por m2 e ano, que supón un total de 7.147,55 euros anuais os dous primeiros anos. A actividade á que destinará a parcela é ao envasado e conservación en frío de alimentos frescos como pescado, marisco, cefalópodos, carne, vexetais, alimentos precociñados e sobremesas.

 

A adxudicación en dereito de superficie permite ás empresas acceder ao solo a cambio do pago cada ano dunha cantidade reducida por metro cadrado, o que facilita financiar a súa instalación e o inicio da actividade. En concreto, o canon anual a abonar equivale ao 1,5% do prezo da parcela durante os dous primeiros anos, ao 2,5% nos anos terceiro e cuarto, e ao 3,5% do prezo a partir do quinto ano.

 

En todo caso, os adxudicatarios teñen tamén a opción de adquirir a propiedade da parcela en condicións vantaxosas nos anos seguintes á adxudicación, con dereito a bonificacións e descontando do prezo de venda unha porcentaxe das cantidades xa satisfeitas.

 

Actualmente, na Plisan están adxudicados 220.288,56 m2 de solo empresarial, ao sumarse ás parcelas escrituradas hoxe ás adxudicadas con anterioridade ás empresas Hijos de Carlos Albo, Grupo Tecnológico Arbinova e Frinsa del Noroeste S.A. Isto supón que está adxudicado máis de 62 por cento do solo xa urbanizado na PLISAN.

Imaxes relacionadas