Fernández-Tapias presenta a proba de Break Dance no festival O Marisquiño e anuncia a presenza dun dos creadores mundiais do Breaking

A delegada territorial de Xunta en Vigo presentou a programación do campionato de Break Dance en As Avenidas entre os vindeiros 11 e 14 de agosto
 

A achega do Goberno galego alcanza este ano os 300.000 euros, o que supón un incremento do 50% respecto ao 2021, co obxectivo de superar a afluencia de 2019
 

Vigo, 29 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este venres a programación de Break Dance incluída no acordo entre o Xacobeo 21-22 e o festival O Marisquiño que se celebrará entre os vindeiros 11 e 14 de agosto. O acto levouse a cabo en As Avenidas, xunto ao monumento ao Nadador, lugar no que se celebrará a competición.

 

Un total de 150 participantes estarán en Vigo e o escenario contará por primeira vez cunha segunda bancada para albergar á alta demanda de espectadores que sempre ten. “Un dos piares nos que se basea este acordo entre Xunta e O Marisquiño é o fomento do deporte local, e neste caso dunha especialidade que será disciplina olímpica por primeira vez en París 2024”, sinalou Fernández-Tapias.

 

A representante autonómica desvelou que a proba de Break Dance é este ano especialmente importante porque estará Ken Swift, un dos creadores do Breaking no mundo, que segue estando en activo e é a primeira vez que será xuíz en España. Ademais, o festival repetirá o formato 1VS1 de 2021 co Break Point, onde a interacción entre o público e os participantes é directa, xa que os espectadores serán xuíces en cada batalla, con dúas cartolinas de cores, unha vermella e outra verde, que as utilizarán a modo de votos.

 

A achega do Goberno galego ao festival O Marisquiño alcanza este ano os 300.000 euros, o que supón un incremento do 50% respecto ao 2021, co obxectivo de superar os datos de afluencia de 2019.

 

Programación musical

A delegada xa presentou a semana pasada a programación musical do festival O Marisuqiño, con 30 grupos locais e emerxentes que actuarán durante tres días nos dous escenarios reservados polos organizadores. Por un lado, no peirao de Transatlánticos (zona Sunset) e, por outro, en Samil (zonz Oasis). Nas dúas áreas musicais haberá música de forma continúa con un chill out.

 

Oasis Samil

No escenario Oasis Samil serán Phonotoner, Meteoro, Cactus, Elecesar, Iaghost, Iamneke, Bflecha, Russ, Morte Morrida, FonKid, La Shawty, Soren Manzoni, Babykatze, La Eterna y Eternal Entropy.

 

Sunset Transatlánticos

Pola súa banda, no peirao de Transatlánticos estarán Supernatural TBC, Rapariga DJ, Baron Ashler, Royce Rolo, Henry Guitarra, MC, Confraría Chalana, Baby Pantera, Youcanthide, Pedraxe, Dirty Suc, Boyanka Kostova, Pup Puppy, Adios Adios, Juicy Bae, Mwëslee, Yugen Kala e Toccoror.

 

Dirt Jump

Fernández-Tapias lembrou durante o acto de presentación que grazas ao acordo coa Xunta tamén disputarase o Dirt Jump e Vigo contará de novo cos espectaculares voos dos riders.

 

Serán un total de 35 participantes os que cheguen a Vigo para unha das únicas catro probas de máxima categoría (Gold) que se disputan no mundo: dous en Canadá (Vernon e Kelowna, montañas próximas a Vancouver), unha en Alemaña (Frankfurt) e a de Vigo. Os 20 primeiros clasificados da clasificación mundial teñen a súa praza asegurada e hai outras 15 invitacións que decide a FMB World Tour.

Imaxes relacionadas