A Xunta almacenará no Centro de Supercomputación de Galicia os datos de preto de 30.000 análises xenómicas de pacientes que realiza ao ano

O Goberno galego aprobou este ano un contrato-programa coa Fundación Galega de Medicina Xenómica de 14 millóns de euros en dous anos, orzamento que abarca a realización de análises xenéticas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca a colaboración entre a Fundación Pública de Medicina Xenómica e o Cesga, que se estende ao longo de máis de dez anos

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022

A Xunta almacenará no Centro de Supercomputación de Galicia os datos de preto de 30.000 análises xenómicas de pacientes que realiza ao ano. Este dato quedou reflectido na presentación, hoxe pola mañá, do novo convenio de colaboración entre a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro de Supercomputación de Galicia, acto ao que acudiu o conselleiro de Sanidade, e ao que tamén asistiu o director da Fundación, Ángel Carracedo, ademais de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación; e de Lois Orosa, director do Cesga.

 

O responsable da carteira sanitaria destacou os resultados da colaboración entre a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro de Supercomputación de Galicia, que se estende ao longo de máis de dez anos.

 

Os datos reflicten que a Fundación posúe unha das infraestruturas de secuenciación de xenoma completo e xenotipado máis importantes do Estado, o que lle permite atender máis de 30.000 pacientes cada ano.

 

Sanidade considera fundamental traballar no desenvolvemento da medicina de precisión e, por iso, o Sergas deu un paso máis e desenvolveu unha estratexia de medicina personalizada e terapias celulares, iniciativa vencellada á Estratexia galega en Enfermidades Raras.

 

O Goberno galego tamén aposta pola realización de análises xenéticas e, ao respecto, a Xunta investirá 14 millóns de euros en dous anos, asegurando un acceso ao diagnóstico xenético dos doentes, así como das familias con sospeita de enfermidade de base xenética, co fin de que sexa efectivo e áxil, en condicións de equidade e calidade científico-técnica, e segundo criterios de accesibilidade, universalidade, homoxeneización e coordinación.

 

O que se busca dende o Sergas é consolidar a atención a estes pacientes, cunha prestación de servizos que acolle diversos aspectos, entre os que está, a transmisión de información de xeito claro e comprensible, tanto do risco de recorrencia da enfermidade, como das consecuencias para o paciente e a súa descendencia; así como das posibilidades de prevención.

 

Sanidade é consciente do incremento da demanda asistencial e do impacto da medicina na práctica clínica e, por iso, a Xunta duplicou o orzamento para esta fundación nesta lexislatura, pasando dos 3,4 millóns de euros transferidos no 2020 ata os 7 do presente ano.

 

Liñas prioritarias

O Executivo galego incide na súa confianza na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica para colaborar nas liñas prioritarias da súa política sanitaria, destacando a participación activa no Plan de Saúde Mental de Galicia, coa elaboración dun estudo a través da análise farmacoxenética de pacientes a tratamento con determinados fármacos, o que contribuirá a axustar doses e evitar reaccións adversas.

 

Para levar a cabo todas estas accións, resulta fundamental dispoñer dun soporte informático axeitado e dun centro de cálculo de altas prestacións, servizos aos que se pode ter acceso grazas ao Cesga.

 

Xunto ao anterior, Sanidade remarca que o feito de que o director da fundación, o doutor Carracedo, sexa á vez o coordinador do eixo de medicina xenómica da infraestrutura IMPaCT2, sitúa a Galicia nunha posición privilexiada para xogar un papel protagonista no desenvolvemento da medicina personalizada de precisión en España.

Imaxes relacionadas