A Xunta Consultiva de Ordenación do Territorio e Urbanismo posta en marcha polo Goberno galego dinamizará os trámites administrativos dos concellos

Dá resposta á demanda municipal de contar cun órgano de asesoramento e de colaboración con entidades locais e axentes sociais e económicos
 

As súas funcións son colaborar nos procedementos contencioso-administrativos; emitir informes aos proxectos normativos que afecten a estas materias, e asesorar e redactar ditames sobre a interpretación e aplicación da normativa vixente
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo posta en marcha polo Goberno galego dinamizará os trámites administrativos dos concellos ao estar baseada na simplificación e na eficacia.

 

Durante a primeira reunión deste novo órgano, Ángeles Vázquez puxo en valor que se dá resposta á demanda municipal de contar cun instrumento de asesoramento e de colaboración con entidades locais e axentes sociais e económicos, que contará con máis de 30 puntos de vista interdisciplinares que garantirán o rigor e obxectividade dos ditames; centralizará e divulgará todas as consultas que trasladen á Xunta todas as entidades e organismos, e axilizará os diferentes expedientes administrativos necesarios para obter un permiso, autorización ou licencia.

 

Este organismo, que substitúe á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, terá novas funcións como a colaboración nos procedementos contencioso-administrativos; a emisión de informes aos proxectos normativos que afecten a estas materias, e o asesoramento e redacción de ditames sobre a interpretación e aplicación da normativa vixente.

 

A conselleira tamén destacou o carácter representativo e a extraordinaria cualificación profesional dos membros do pleno constituído hoxe e composto por 27 vogais: 13 departamentos da Xunta; 4 alcaldes designados pola Fegamp que representan diferentes tipoloxías de concellos galegos -Quiroga, Salceda de Caselas, Ponteareas e Lugo-; representantes das 4 deputacións provinciais; profesionais dos colexios profesionais de Arquitectos, Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e da Avogacía, e 2 representantes das organizacións empresariais de Galicia.

 

Ademais deste pleno que se reunirá cada 3 meses, haberá unha comisión permanente composta por 8 vogalías e que manterá encontros cada mes para tratar asuntos que necesiten unha resposta máis áxil.

 

Esta xunta consultiva comezou a súa andaina informando sobre a aprobación dos plans básicos municipais de Riotorto e Trabada, último trámite para dotar estes concellos dun instrumento básico co que ordenar o seu territorio.

 

Imaxes relacionadas