O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as instalacións da empresa Congalsa, na Pobra do Caramiñal (A Coruña)

Rueda valora o pulo da frota galega da pesca conxelada, que no primeiro semestre do ano incrementou un 30% os seus ingresos

O titular do Goberno galego considera que os datos avalan que esta industria está a resistir o impacto da crise e que Galicia é unha “potencia mundial” no sector

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 29 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o pulo da frota galega da pesca conxelada, que no primeiro semestre do ano incrementou un 30% os seus ingresos.

 

“É o mellor resultado en canto a facturación desde 2019”, enxalzou o titular do Executivo galego, tras a visita que realizou ás instalacións de Congalsa, empresa punteira neste sector, situada na Pobra do Caramiñal (A Coruña). Precisamente, Rueda indicou que este concello é un dos municipios galegos que máis pesca conxelada venderon procedente da frota galega, máis de 4.000 toneladas, e que máis valor obtivo desas vendas, 8,4 millóns de euros.

 

Na súa intervención, o presidente da Xunta debullou máis polo miúdo as cifras deste primeiro semestre de 2022 da frota galega de pesca conxelada. Así, precisou que a primeira venda ascendeu a 37.000 toneladas -sobre todo de peixe espada, quenlla, pota arxentina ou fletán negro- o que derivou nunha facturación que roldou os 158 millóns de euros, mentres que os do primeiro semestre do 2021 foron de 122 M€. Ademais, destacou que a nosa comunidade autónoma ocupa a primeira posición en xeración de ingresos de explotación, tanto no global do sector en España, como entre os socios de Conxemar.

 

Para Rueda, estes datos demostran que o sector pesqueiro está a resistir o impacto da crise, malia os efectos da pandemia, dos custos de produción pola guerra de Ucraína e do prezo da enerxía e dos combustibles.

 

Por iso, considerou que o éxito da industria da pesca conxelada é tamén “un éxito de toda Galicia”, porque ratifica que a comunidade é “unha potencia mundial no sector”. En todo caso, advertiu de que esta posición non é produto da casualidade, senón resultado dun “enorme esforzo” das xentes do mar, da súa profesionalidade e dunha industria transformadora que se sitúa na vangarda internacional.

 
200 buques coa máis moderna tecnoloxía

Así, deu conta de que os preto dos 200 buques, pertencentes a 159 casas armadoras, autorizados en Galicia a realizar a primeira venda de pesca conxelada, están dotados coa “máis moderna tecnoloxía” para a conxelación e conservación da mercadoría en alta mar nunhas condicións óptimas.

 

Finalmente, o presidente da Xunta trasladou o apoio firme da Xunta de Galicia aos intereses deste sector que situou como “clave na economía de Galicia” e ao que lle augurou moitas posibilidades de futuro.

 

Imaxes relacionadas