Preto de 200 traballadores do naval melloran en Narón a súa cualificación a través de Empreganav, un plan de apoio á recuperación do emprego neste sector

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe nesta localidade unha das accións formativas que se ofertan no marco do proxecto autonómico de apoio ás persoas sen emprego do sector auxiliar do naval galego

Nesta comarca estanse a impartir 2.700 horas de formación a través de máis de 55 accións formativas

O programa, cun orzamento de 3,2 millóns de euros, posibilita tres vías para xerar novas oportunidades de traballo: capacitación no propio eido do naval, emprendemento e cualificación cara outros sectores

Os cursos céntranse nas especialidades con maior demanda laboral e nas que favorezan a competitividade tecnolóxica do naval
 

Narón (A Coruña), 28 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en Narón o curso de formación Homologación 6G, que se enmarca no proxecto Empreganav. É unha iniciativa que a Xunta está a desenvolver nas comarcas de Vigo e Ferrol para apoiar a inserción laboral de 510 traballadores do sector naval afectados por procesos de despedemento producidos entre maio de 2019 e febreiro de 2020 na industria auxiliar. En Narón están a participar nesta iniciativa o 37% do total dos alumnos, é dicir, preto de 200 persoas traballadoras (187).

 

A través desta acción formativa concreta, os participantes están a adquirir competencias para conseguir un certificado de homologación de soldadura 6G que é a proba máis utilizada para avaliar a certificación de soldador. 

 

Aneiros destacou na visita que Empreganav é unha actuación da Xunta, co apoio económico da Unión Europea, que busca a reinserción laboral destes traballadores a través de tres vías: a mellora da cualificación no sector do naval, o emprendemento e a cualificación cara outras actividades económicas. As accións formativas están dirixidas ás especialidades con maior demanda laboral e que favorezan a competitividade tecnolóxica.

 

Así, os alumnos de Narón están na actualidade inmersos no programa formativo e nas actividades de intermediación laboral. En concreto, na comarca de Ferrol están a levarse a cabo máis de 2.700 horas de formación englobadas en máis de 55 accións formativas vinculadas con diferentes ámbitos. Así, realizáronse máis de 25 accións formativas sobre novas tecnoloxías, idiomas ou manexo de carretillas e plataformas elevadoras. Ofértanse tamén cursos en áreas alternativas ao naval, en industria 4.0, TIC ou electricidade industrial, entre outros. Na provincia da Coruña leváronse a cabo seis accións formativas vinculadas con este ámbito.

 

Así mesmo, impártese formación especializada no naval orientada á homologación dos diferentes tipos de soldadura, uso da ponte-guindastre para Navantia ou interpretación de planos mecánicos ou de caldeiraría, entre outros, con máis de 840 horas formativas. Ademais, para promover o espírito emprendedor desenvolvéronse catro cursos formativos co obxectivo de axudar ás persoas interesadas no autoemprego coa súa idea de negocio. Os cursos estiveron orientados á xestión empresarial, actitude emprendedora e oportunidades de negocio, creatividade e innovación empresarial e profesional.

 

Na visita ao curso de soldadura, Aneiros, ademais de comprobar como o alumnado adquire diversas competencias, intercambiou impresións cos participantes na acción formativa para coñecer de primeira man como o proxecto está a repercutir na mellora da empregabilidade. A delegada territorial puxo en valor, deste xeito, o proxecto Empreganav, que a Consellería de Promoción do Emprego comezou a desenvolver en agosto de 2020 co obxectivo de crear recursos para incrementar as oportunidades laborais dos participantes. Entre as medidas postas en marcha destacan a asistencia na procura dun emprego, a reciclaxe profesional a medida, a promoción do espírito empresarial, a asistencia con vistas ao establecemento por conta propia e as iniciativas para incentivar os desprazamentos e a inserción laboral.

 

Un paquete integrado de medidas

O investimento global do proxecto ascende a 3,2 millóns de euros, dos cales a Comisión Europea contribúe cunha axuda do 60 % e a Comunidade Autónoma de Galicia, co restante 40 %. Ademais do financiamento das diferentes actuacións, o proxecto inclúe un programa de apoio económico de ata 600.000 euros en axudas directas para a participación nas medidas deseñadas e a cobertura dos gastos nos que poida incorrer as persoas beneficiarias do proxecto.

 

Empreganav, en definitiva, ofrece, segundo sinalou Aneiros, un paquete integrado de medidas co que se acompaña aos participantes desde o despedimento ata a súa reinserción no mercado laboral. O Plan de Medidas articúlase a través de catro fases: acollida e diagnóstico inicial; posta en marcha con programas de sensibilización, orientación, formación e incentivos; a prospección laboral co apoio á recolocación e a procura de oportunidades de negocio; e por último, a fase de seguimento personalizado ata a finalización. O programa formativo co que se busca fomentar a empregabilidade inclúe cinco ámbitos: formación transversal, formación en competencias clave, formación en tecnoloxías, formación para a recualificación noutros sectores e formación para o autoemprego.

Imaxes relacionadas