A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co vicepresidente segundo e conseller de Vivenda e Arquitectura Bioclimática

A Xunta e a Generalitat valenciana poñen en común as súas políticas de vivenda e a xestión do parque inmobiliario da Sareb

Coinciden na necesidade de buscar novas vías para a transferencia das vivendas da Sareb ás comunidades autónomas para destinalas a alugueiro social

Ángeles Vázquez reitera que a Sareb debe prestar máis atención aos factores sociais da vivenda e evitar agravar as dificultades de acceso á mesma
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

A Xunta e a Generalitat Valenciana puxeron en común as súas políticas en materia de vivenda e a xestión do parque inmobiliario da Sareb durante unha reunión que mantiveron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o vicepresidente segundo e conseller de Vivenda e Arquitectura Bioclimática, Héctor Illueca.

 

Durante o encontro, coincidiron na necesidade de buscar novas vías para a transferencia das vivendas da Sareb ás comunidades autónomas para destinalas a alugueiro social.

 

Na actualidade, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ten cedidas en usufruto preto de 50 vivendas, que están alugadas a particulares a prezos alcanzables. De cara ao futuro, a intención da Xunta é adquirir estes inmobles utilizando o programa de incremento do parque público de alugueiro do Plan Estatal 2022-2025. Con este obxectivo, téñense reservado 8,2 millóns de euros deste programa.

 

Cómpre lembrar que este programa permite financiar con fondos estatais o 60% do custo de adquisición das vivendas. Non obstante, estase a tramitar unha modificación do Plan estatal para permitir que, no caso da Sareb, se poida financiar o 100% do custo de compra, e, tamén, para incrementar en 10 millóns de euros os fondos destinados á adquisición de vivendas. Dese total a Galicia corresponderíanlle preto de 600.000 euros.

 

A maiores, a conselleira reiterou que a Sareb debe prestar máis atención aos factores sociais da vivenda e evitar agravar as dificultades de acceso á mesma.

 

Así, a Xunta non comparte a forma de actuación da Sareb desaloxando vivendas que se encontran en alugueiro. De feito, agora, coa nova situación accionarial da sociedade, con maioría de participación pública, é necesario un cambio substancial de actitude para que certos inmobles que agora están alugados poidan seguir sendo ocupados polos actuais arrendatarios en iguais condicións que as vixentes.

 

Ademais de incidir nunha posible acción conxunta das comunidades autónomas, Ángeles Vázquez trasladoulle ao conseller valenciano a proposta de determinar algún tipo de  cualificación que garanta que estas vivendas pasen a estar sometidas a un prezo máximo de renda por un período determinado, garantindo así a permanencia dos residentes nas mesas condicións que as actuais e o incremento do parque de vivenda en alugueiro a prezo limitado.

 

Nesa liña, a conselleira salientou que esta opción non impediría que a Sareb puidese vender as vivendas, pero sempre coa obriga de que o novo propietario subrogase as condicións fixadas para esas vivendas.

Cómpre lembrar o compromiso da Xunta que mobilizará ao longo deste ano preto de 185 M€ a través de diferentes programas de axudas, actuacións directas e liñas de financiamento dirixidas principalmente a particulares e concellos co obxectivo común de facilitar o acceso a unha vivenda digna, tanto en réxime de alugueiro como en propiedade, e fomentar actuacións de rehabilitación en inmobles de tipo residencial.

Pola súa banda, o conseller de Vivenda e Arquitectura Bioclimática agradeceu a Ángeles Vázquez “a súa vontade de diálogo e cooperación, fundamental para esta época tan complexa que nos tocou transitar ao mando das institucións".

Imaxes relacionadas