Fernández-Tapias: “Temos 92 propostas para o alugueiro dos locais do casco vello e non imos a aceptar chantaxes nin clientelismos do concello”

A delegada territorial da Xunta en Vigo presidiu este xoves o comité do Consorcio Casco Vello no que se informou da xestión levada a cabo para a dinamización cultural do barrio histórico

“Hai un mes que se aprobou a licitación de arrendamento dos locais cun éxito total pese a oposición do Concello, que o único que intenta é paralizar a rehabilitación e mellora do Casco Vello en busca de réditos electorais”
 

Vigo, 28 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio do Casco Vello, Marta Fernández-Tapias, presidiu este xoves o comité do organismo rehabilitador no que se deu conta das ofertas para o alugueiro de locais comerciais no barrio histórico. Na sesión informouse de que xa existen un total de 92 propostas para os 20 locais con prezos que van desde o 70 aos 255 euros ao mes.

A licitación dos baixos publicouse o pasado 27 de xuño no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) e pechouse este xoves. Durante a sesión celebrada por videoconferencia, os representantes do Concello de Vigo mantiveron a súa oposición frontal ao arrendamento dos locais e a súa dinamización cultural.

“Non imos a ceder aos intentos de chantaxe e de clientelismo político por parte do Concello”, sinalou Fernández-Tapias. A representante autonómica lembrou que o Consorcio Casco Vello de Vigo xa propuxo hai máis de dous anos, en febreiro de 2020, o alugueiro dun total de 17 locais para o proxecto “Crea Vigo” cun prezo de 24.816 euros ao ano (sen IVA) e que xa entón atopouse coa postura en contra do Goberno local.

“A permanente negativa do alcalde a calquera investimento da Xunta en Vigo xa bloqueou entón un proxecto moi importante para dinamizar o barrio e agora segue empeñado en boicotear a recuperación do barrio histórico co único obxectivo de obter réditos políticos”, engadiu a delegada.

Como xa explicou a presidenta tras o consello de administración, a postura “sen argumentos” dos representantes municipais busca paralizar a rehabilitación do Casco Vello. “É contraditorio que estean de acordo co Plan de Investimentos e se opoñan aos Orzamentos, contra os que xa votaron en contra dúas veces, non ten sentido e deixa clara a súa intención”, apuntou.

En calquera caso, a delegada sinalou que desde a Xunta de Galicia “xa estamos solucionando a carencia de espazos na cidade para as asociacións e entidades de Vigo”, en clara alusión ao Centro do Asociacionismo que está proxectado nos actuais xulgados da rúa Lalín, para o que xa está en marcha o concurso de ideas por parte do Colexio de Arquitectos.