A Xunta anuncia un novo concerto na Coruña, o de Fito & Fitipaldis, o 29 de outubro no marco da programación do Xacobeo

Trenor destacou que “todos os seguidores deste grupo e os amantes da boa música terán unha ocasión única para ver a esta banda nun formato especial moito máis íntimo e próximo ao público”

A Coruña, 28 de xullo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou que A Coruña será unha das paradas da xira nacional de Fito & Fitipaldis, o 29 de outubro no Palacio da Ópera dentro da programación dos Concertos do Xacobeo.

 

Despois de completar a xira nacional máis multitudinaria ata a súa finalización, a banda preséntase nun formato que achegará ao público a un ambiente máis íntimo, no que se poderán escoitar cancións do seu último disco “cada vez cadáver” e os clásicos da banda, interpretados cun matiz diferente.

 

Trenor destacou que todos os seguidores deste grupo e os amantes da boa música terán “unha ocasión única para ver a Fito & Fitipaldis nun formato moi especial moito máis próximo ao público”.

 

Para iso, Fito Cabrales incorpora aos Fitipaldis a Jorge Arribas e Diego Galaz de Fetén Fetén, que, xunto a Carlos Raia, Javier Alzola, “Bolígrafo” Climent e “Coki” Giménez, completarán a banda que percorrerá durante o outono e inverno algúns dos teatros e auditorios do noso país.

O delegado da Xunta de Galicia destacou que o obxectivo da Xunta con todos estes concertos é promover a celebración deste Ano Santo excepcional apostando pola celebración de eventos musicais que están situando a Galicia no imaxinario colectivo, especialmente no ámbito internacional, promocionando o Camiño e Galicia entre peregrinos e visitantes. 

O representante do Goberno galego lembrou  que a Xunta de Galicia vai estar presente, entre os meses de agosto e outubro, nos principais concertos e festivais que se celebrarán na cidade. Así, os concertos de Rosalía desta mesma semana; os concertos de James Blunt, Ilegales e Luis Fonsi na praza de María Pita e os festivais Neox Music Day e Noroeste Estrella Galicia reciben apoio da Xunta o que permitirá contar con artistas de primeiro nivel. Ademais, xa no mes de outubro, terá lugar o concerto de LP, no marco do Ciclo Xacobeo Importa; o ciclo de concertos Noites do Porto e a xira de Fito&Fitipaldis que tamén contan co apoio da administración autonómica.

Neste senso, subliñou que investir en cultura e en eventos musicais éinvestir na cidade, polo que destacou o enorme revulsivoque estes concertos suporán para todos os profesionais da cultura e, por extensión ao conxunto da economía na cidade da Coruña.

Trenor, incidiu en que calquera evento que se presente baixo o paraugas da marca Xacobeo ten garantido o éxito e agardamos que as propostas que estamos presentando estes días axuden a que os coruñeses volvan a desfrutar dun verán único cheo de boa música