A Xunta referenda o seu compromiso na defensa dos dereitos das persoas LGTBI nunha xuntanza con representantes de Alas Coruña

A secretaria xeral da Igualdade lembrou que Galicia é referente na inclusión plena do colectivo ao contar cunha lei pioneira e un observatorio contra as discriminacións

Desde o ano 2018 a Xunta apoiou a labor de Alas Coruña con apoios próximos aos 28.000 euros

O Goberno está a iniciar os traballos do informe trianual do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

 

 Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro de traballo con representantes de Alas Coruña, entidade que forma parte, xunto con outras 7 organizacións, do Observatorio autonómico contra a discriminación das persoas LGTBI e coa que a Xunta colabora desde hai 5 anos na promoción de actividades de divulgación dos seus dereitos.

A Xunta mantén un firme compromiso na loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero que implica de xeito transversal a todos os seus departamentos. Galicia é referente por contar cunha lei propia que consolida este principio de igualdade para as persoas LGTBI.  

“A inclusión social plena, con independencia da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero constitúe unha das prioridades deste Goberno”, trasladou López Abella ao remate do encontro de hoxe, á vez que anunciou que a Xunta está a traballar “cóbado con cóbado” con asociacións, organizacións e colectivos LGTBI.

No Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, ademais de Alas Coruña, toman parte as entidades Casco (Comité Antisida da Coruña), Les Coruña, Avante LGTBI, a Rede Educativa de Apoio LGTBI de Galicia, Chrysallis (asociación de familias de menores transexuais) e a asociación Pvlse Vigo Queer LGTBIQ+. Este órgano conta cunha dotación orzamentaria propia de 15.000 euros este ano e está a iniciar a elaboración do seu informe trianual en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta, tal e como precisou López Abella.

Ano tras ano, desde 2016, a Xunta colabora a través de convenios coas entidades que desenvolven actividades de promoción e defensa dos dereitos e intereses destas persoas. Grazas a estes apoios poden desenvolver campañas de información social, acompañamento e asesoramento sobre recursos sociais e sanitarios dos que dispoñen,  formación específica para o persoal das administracións públicas así como elaborar materiais didácticos. No caso concreto de Alas Coruña, estes apoios materializáronse desde 2018 en case 28.000 euros.

Na reunión de hoxe, a secretaria xeral puido coñecer das iniciativas que Alas Galicia ten en marcha e avanzou o desexo de seguir a colaborar xuntas nun obxectivo común que non é outro que o de acadar o desenvolvemento pleno das persoas LGTBI na sociedade galega, e combater e previr calquera manifestación que atente contra os seus dereitos.

Imaxes relacionadas