O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe nunha rolda de prensa cos promotores desta iniciativa

A Xunta pon en valor as TIC como elemento chave do novo modelo de residencias na presentación da Rede Galega de I+D+i de Tecnoloxías de Apoio

Este grupo de traballo é promovido pola Universidade da Coruña (UDC), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig) e máis dunha decena de entidades do terceiro sector
 

Centrarase en promover proxectos que favorezan a autonomía dos maiores e das persoas con discapacidade a través de avances tecnolóxicos como a intelixencia artificial
 

A Coruña, 27 de xullo de 2022

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo hoxe en valor a tecnoloxía como elemento chave do novo modelo de residencias posto en marcha pola Xunta de Galicia. Fíxoo durante a presentación da Rede Galega de I+D+i de Tecnoloxías de Apoio para unha Sociedade Inclusiva, celebrada esta mañá no campus da Universidade da Coruña (UDC).

 

Durante a súa intervención, Antón Acevedo sinalou que a aposta polas novas tecnoloxías é unha das bases deste novo modelo que xa está a aplicar o Goberno galego a través de medidas como a posta en marcha dun programa de rehabilitación virtual que xa está funcionando en residencias públicas da Xunta na Coruña, Ferrol e Vigo ou o living lab que se está a desenvolver no centro da Estrada.

 

Así, explicou que xunto a este piar hai tres máis que fundamentan a estratexia asistencial: a humanización e formación continua, as melloras arquitectónicas e a coordinación sociosanitaria.  

 

Coordinación e colaboración

Nesta liña, o director xeral destacou a importancia da creación da Rede Galega de I+D+i de Tecnoloxías de Apoio que terá como principal obxectivo a promoción de proxectos e solucións tecnolóxicas que favorezan a autonomía dos maiores e persoas con discapacidade. Ademais, salientou que se pon en marcha coa coordinación e colaboración da UDC, a través do seu Centro de Investigación en TIC; do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig); e de máis dunha decena de entidades do terceiro sector.

 

Este grupo de traballo servirase de tecnoloxías punteiras como a intelixencia artificial, a realidade aumentada, a telefonía móbil, os asistentes de voz ou a domótica para mellorar así a calidade de vida de persoas con algunha dependencia.

Imaxes relacionadas