A delegada territorial da Xunta entregou os diplomas desta iniciativa laboral na que 20 vigueses recibiron formación nas especialidades de cociña e servizo de restauración

Fernández-Tapias anima ao alumnado do obradoiro de emprego 'Vigo Capacita VII' a aproveitar a oportunidade dun ano histórico desde o punto de vista turístico

A representante galega incidiu no fin de mellorar a empregabilidade e incrementar as oportunidades laborais das persoas participantes cunha formación de calidade
 

Destacou o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego e un tipo de cualificación orientada a cubrir as demandas reais das empresas do entorno
 

A Xunta destina este ano un orzamento de 4,8 millóns de euros para os obradoiros duais e os de formación para o emprego de persoas mozas da área territorial de Vigo
 

Vigo, 27 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, clausurou este mércores o obradoiro de emprego de formato dual Vigo Capacita VII, no que se ofreceu formación e traballo a 20 persoas desempregadas durante os últimos nove meses, e que contou cun investimento de 347.000 euros do Executivo autonómico.

 

Durante o acto de entrega de diplomas celebrado no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, a representante autonómica destacou o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego e un tipo de formación de calidade, enfocada a cubrir as demandas reais das empresas do entorno.

 

No caso concreto de Vigo Capacita VII, os participantes recibiron formación nas especialidades de cociña e servizos de restauración, elaborando menús para o comedor social “La Sal de la Tierra”, para actos organizados pola Fundación Érguete-Integración ou o propio Centro Veciñal e Cultural de Valadares, entre outras actividades que incluíron almorzos saudables, degustacións e difusión de receitas nas redes sociais. Ademais de recibir formación tamén percibiron o salario mínimo interprofesional.

 

Fernández-Tapias animou ao alumnado a aproveitar a oportunidade dun ano histórico desde o punto de vista turístico: “O voso é un dos perfís de maior demanda e de máis difícil cobertura en Galicia, abríndoos así un amplo abano de posibilidades”. 

 

Nesta mesma liña, proseguiu que se trata de “experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, ao tempo no que salientou a simbiose entre formación e emprego destes obradoiros duais como fórmula de éxito. Un programa orientado á xente sen traballo cun alto nivel de inserción laboral, de preto do 60% indicou, “co que reciben unha remuneración durante nove meses ao tempo no que contribúen ao beneficio colectivo de todas e todos con obras públicas, atencións sociais e servizos a través das prácticas deste plan formativo”.

 

Asemade, enfeitizou que este tipo de iniciativas “son o mellor exemplo de que cando as distintas administracións traballan en conxunto os beneficios para os cidadáns multiplícanse”, en clara alusión a actuación dos concellos como entidades promotoras dos obradoiros.

 

Fernández-Tapias recordou que na área territorial de Vigo estanse a formar 252 persoas a través de catorce obradoiros de emprego en 11 concellos que supuxeron un investimento autonómico de 4,8 millóns de euros, colaborando coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

 

Os obradoiros duais son o Coidando Miñor, que Gondomar comparte con Nigrán e Baiona; o taller Sustentable que promoven Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño; o Granxa da Rúa de Cangas; o Labora V de Moaña; a segunda edición do Redondela Máis que Bela; o obradoiro Porriño Labora; esta convocatoria do Vigo Capacita; o Somos Mos; e o obradoiro forestal nos montes vigueses a cargo da Mancomunidade.

 

Tal que como lembrou a delegada territorial, estes obradoiros duais súmanse aos cinco para persoas mozas nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor. Neste caso, os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contan cun contrato de traballo de 12 meses de duración.

Imaxes relacionadas