Lorenzana despide á primeira promoción do curso universitario de igualdade nas relacións laborais cunha aposta pola formación para “o cambio”

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe o I curso co que aspira a brindar ao tecido empresarial e sindical coñecementos necesarios en materia de igualdade laboral

Destacou o compromiso da Xunta coa formación nesta materia, que considerou imprescindible para avanzar na igualdade de trato e a non discriminación

A Xunta ten en marcha o Plan Emprega Muller con 35,8 M€ e programas cos que pretende beneficiar este ano a 16.500 mulleres galegas

O Goberno galego vén de aprobar no seo do Diálogo Social unha nova certificación que recoñecerá as boas prácticas das empresas na materia e ten aberto o proceso para a achega de alegacións sobre o texto da futura lei autonómica de igualdade

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe a primeira edición do Curso de Igualdade entre Mulleres e Homes nas Relacións Laborais organizado polo seu departamento co obxectivo de que sirva “como alicerce” para cimentar “o anhelo de acadar unha Galicia onde tanto as mulleres coma os homes gocen dos mesmos dereitos para exercer as súas profesións, en igualdade de condicións e de oportunidades”.

Esta formación, negociada e aprobada no seo do Diálogo Social, xurdiu co obxectivo de brindar ao tecido empresarial e sindical os coñecementos necesarios en materia de igualdade laboral, sendo este, tamén, o primeiro caso dunha Administración autonómica que impulsa unha formación deste tipo.

 “A formación é fundamental para concienciar e sensibilizar sobre diferentes aspectos relacionados coa igualdade de trato e a non discriminación entre mulleres e homes”, remarcou a conselleira, quen lembrou que a desigualdade laboral está directamente relacionada coas responsabilidades familiares, pero tamén coas raíces históricas, culturais, económicas e sociais, de aí a “dificultade para erradicala”.

A Xunta está comprometida nesta misión, en primeiro lugar, por medio da formación. Tres son os motivos que aportou Lorenzana para optar por esta vía: porque permite acceder a novas saídas profesionais -algúns perfís que que se están demandando con maior intensidade e outras profesións emerxentes-; porque engade competencias profesionais, específicas e transversais que habilitan para un mellor desenvolvemento laboral; e, por último, “porque todos nos deberíamos converter en axentes do cambio”, dixo Lorenzana.

O compromiso da Xunta materialízase tamén nos programas activos en favor da igualdade laboral, entre os que a conselleira subliñou o Plan Emprega Muller “con apoios integrais para a formación, o acceso, o mantemento e a promoción profesional das mulleres galegas”. Con 35,8M€ está integrado por diversas liñas de apoio coas que se pretende beneficiar neste ano 2022 a máis de 16.500 mulleres galegas, remarcou.

“Contamos tamén con ordes de axuda para empresas e persoas traballadoras autónomas, así como para os axentes sociais -2 millóns de euros na presente anualidade para traballar pola igualdade de oportunidades e o benestar laboral-; estamos a integrar á perspectiva de xénero tamén na prevención de riscos laborais, a través de diferentes actuacións desenvoltas polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia; e, nos últimos dous anos, temos posto en marcha unha web e un campus virtual formativo sobre igualdade laboral, accesible e gratuíto tanto para profesionais como para sensibilizar a toda a poboación en xeral, converténdonos na primeira e ata o momento única comunidade en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual”, lembrou a titular de Promoción do Emprego.

A Xunta aprobou, ademais, no seo do Diálogo Social a nova Certificación Galega de Excelencia en Igualdade para Empresas e vén de publicar o anteproxecto de Lei  autonómica de Igualdade para que a cidadanía poida realizar alegacións sobre o texto, unha norma que suporá avances no regulamento de cuestións como a conciliación, o teletraballo ou a flexibilización de horarios e xornadas laborais.

Lorenzana aproveitou a clausura de hoxe para avanzar que o ano que vén este curso terá continuidade cunha segunda edición que se impartirá en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Imaxes relacionadas