A Xunta presenta en Ferrol a segunda edición dos Concertos da Fin do Mundo que comezan este venres no Faro de Corrubedo

Concertos na Fin do Mundo é un ciclo de concertos concibido como unha experiencia musical e turística diferente no marco da celebración do Xacobeo
 

A directora de Turismo de Galicia avanzou que nesta edición o ciclo duplica o número de concertos a celebrar en catro localizacións diferentes que teñen como referente próximo un faro da costa galega ou espazo de beleza singular
 

Ferrol, 26 de xullo de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro presentou esta mañá xunto a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea Paz e a representante da Fundación La Caixa en Galicia, María Jesús García, a segunda edición dos Concertos da Fin do Mundo que comezan este mesmo venres no Faro de Corrubedo.

A directora de Turismo de Galicia avanzou que nesta edición o ciclo duplica o número de concertos a celebrar en catro localizacións diferentes que teñen como referente próximo un faro da costa galega ou espazo de beleza singular. “Concertos na Fin do Mundo é un ciclo de concertos concibido como unha experiencia musical e turística diferente no marco da celebración do Xacobeo, cun formato intimista en contornas singulares, o que os converte en eventos moi especiais, únicos”, indicou Nava Castro.

O programa de Concertos da Fin do Mundo, iniciarase o día 29 de xullo no faro de Corrubedo, en Ribeira, que acollerá a actuación de DJ Mil, Teresa Salgueiro e Carolina Rubirosa, ese mesmo día, e o día 30, as de DJ Galician Army, Pasion Vega e Nastasia Zürcher. Xa en agosto, os Concertos da Fin do Mundo trasladaranse á contorna do Faro de Cabo Silleiro, os días 12 e 13 de agosto, onde actuarán DJ Mil, Elíades Ochoa e Luis Fercán, o día 12; e DJ Galician Army, La Bien Querida e Wöyza.

Nesta edición, o Faro Punta da Barca, en Muxía, será escenario tamén os días 2 e 3 de setembro das actuacións de DJ Mil, de Vacas e a Banda da Loba, o día 2, e DJ Galician Army, Susana Seivane e Andrés Balado, o día 3. Por último, as noites do 9 ao 10 de setembro, terá lugar a actuación de DJ Galician Army, Aurea e Xoana, o día 9; e DJ Russinha, Carminho e Antía Muíño; o día 10.

E así, os Concertos na fin do mundo, manteñen a súa vocación de ciclo musical incluído este ano na programación dos www.concertosdoxacobeo.gal, un acontecemento no que xa participaron máis de 500.000 persoas e que entre os meses de maio e novembro trae a Galicia máis de 350 artistas que participaran en máis de 100 concertos e festivais en máis de 50 localidades galegas distintas.

 

 

Imaxes relacionadas