A Fundación Camilo José Cela acolle unha escolma do fotógrafo Tino Martínez sobre o papel das romarías tradicionais galegas

O director xeral de Cultura inaugura a mostra ‘Fe. Tino Martínez 1971-2016’ que reúne fotografías históricas do artista compostelán

Padrón (A Coruña), 26 de xullo de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Fundación Camilo José Cela a exposición Fe. Tino Martínez 1971-2016 que afonda no papel que as romarías e festividades tradicionais están a ter no impulso da cultura popular galega. Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a mostra chega a Padrón tras o seu exitoso paso polo Museo das Peregrinacións e de Santiago de Santiago de Compostela e acolle máis de 30 fotografías destas festividades a cargo do artista compostelán.

 

“Estas imaxes son testemuño dos últimos 45 anos da historia de Galicia coas que o seu autor, Tino Martínez, converte a exposición nunha cita indispensable de toda unha xeración de galegos”, expresou Anxo M. Lorenzo quen ademais puxo en valor a capacidade de Tino Martínez por reflectir coa súa cámara o sentir da cultura galega.

 
Fotografías inéditas

Fe. Tino Martínez 1971-2016 achega a Padrón 32 fotografíasrealizadas en analóxico e en branco e negro nas que o autor recolle a devoción e fe da xente que participa nalgunhas celebracións populares como a do Nazareno, na Pobra do Caramiñal; os Milagres de Amil, en Pontevedra; e Santa Marta de Ribarteme, nas Neves.

 

Algunhas das imaxes formaron parte de varias exposicións nacionais e internacionais desde finais da década dos anos 70, pero na súa gran maioría son fotografías inéditas expostas por primeira vez nesta exposición, que permanecerá na Fundación Camilo José Cela ata o 31 de outubro.

 

Imaxes relacionadas