O Compostela Tradfest celebra co apoio da Xunta a música galega de raíz e mais o baile e canto populares

O director de Industrias Culturais participou na presentación do evento, que terá lugar o 31 de xullo cun concerto de Xisco Feijóo na praza da Quintana, ruadas e actuacións dunha ducia de formacións artísticas en distintos escenarios da cidade

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022

O Compostela Tradfest encherá a capital de Galicia o domingo 31 de xullo de música, cantos e bailes populares galegos nunha xornada de celebración da cultura musical de raíz que rematará cun concerto a cargo de Xisco Feijóo ás 21,00 h. na praza Quintana. A Xunta de Galicia apoia este evento, que se celebra no marco das Festas do Apóstolo, para impulsar o encontro coa nosa tradición musical de xeito festivo ao longo de toda unha xornada de ruadas e actuacións de máis dunha ducia de formacións artísticas por toda a cidade.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento xunto con Gonzalo Muíños, concelleiro de Festas de Santiago; Vítor Belho, da promotora Nordesía Producións, e a cantante Sheila Patricia, que ofrecerá tamén un recital desde o denominado Escenario Cantos, situado a carón da escultura de Chillida Porta da Música, no parque de Bonaval.

 

Ademais dos artistas e lugares citados, outras formacións como Mercedes Prieto e Serxio Cobos, Symbio, Trilitrate, Tres Pesos, Chulada da Ponte-Velha, Seiva, Fréderic Bougoin, María Mazotta ou Comando Curuxás levarán a cabo obradoiros, pasarrúas e recitais en distintos puntos da zona monumental compostelá de xeito ininterrompido entre as 11,00 e as 21,00 horas.  

 

Na súa intervención, o director de Industrias Culturais situou a colaboración da Xunta co Tradfest no obxectivo de favorecer a difusión da música tradicional galega traída ao contexto máis actual a través dos intérpretes escollidos para a súa carteleira. Tamén puxo de manifesto a singularidade do evento polas localizacións tan simbólicas para a cultura e a esencia de Galicia nas que ten lugar. Así mesmo, expresou que o festival complementa e reforza toda a ampla oferta de festivais de música e de actividades culturais do verán galego e destacou o carácter altamente participativo do evento, do que poden gozar de xeito gratuíto todos os composteláns e cantos visiten a cidade nunha data sinalada como é o último día das festa grandes de Santiago.

Imaxes relacionadas