Fernández-Tapias celebra a creación da asociación cultural Évame para conmemorar o centenario do nacemento de Carlos Oroza

A delegada territorial da Xunta en Vigo mantivo unha reunión cos fundadores da recentemente creada agrupación que convocará os premios co nome do escritor

Vigo, 26 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo este martes unha xuntanza coa xunta directiva da Asociación Évame-Oroza, creada recentemente para conmemorar o centenario do nacemento do escritor falecido en Vigo hai sete anos.

 

Nunha reunión no Casco Vello vigués, na sede da Editorial Elvira, unha das fundadoras do colectivo cultural, a representante autonómica coñeceu os plans para celebrar o vindeiro ano, que pasan por crear o Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza. A convocatoria incluiría un galardón para a mellor creación literaria en galego, a mellor en castelán e a mellor iniciativa musical con apoio literario en calquera de ambas as linguas.

 

“Temos o deber de por en valor o legado de Carlos Oroza, un dos grandes poetas españois de todos os tempos, porque ademais tivemos a sorte de que vivise durante moitos anos en Vigo e a cidade está presente con moita forza na súa obra”, sinalou Fernández-Tapias.

 

A xunta directiva está formada por representantes da cultura e sociedade viguesa como os pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, o xornalista Alberto Avendaño e o letrado Antón Beiras Cal. Tamén estivo presente o promotor da iniciativa, o editor Javier Romero.

 

O colectivo contará cun local propio no que haberá un espazo dedicado á investigación da escrita e a súa interacción coas artes, tanto en soportes tradicionais como da Intelixencia Artificial (IA) e das artes visuais. Ademais, os resultados dos traballos terán presenza permanente na sede da asociación dende onde se converterán en mostras itinerantes. 

 

Tamén explicaron que o nome Évame-Oroza, responde a unha das misións permanentes desta asociación cultural: custodiar e promover o patrimonio literario de Carlos Oroza (Viveiro, 1923-Vigo, 2015), transitar a ponte bicultural que, co legado do poeta, une a creación literaria en castelán e en galego, e animar o risco creativo das novas xeracións nos eidos ibéricos da narrativa e a poesía.

Imaxes relacionadas