A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a escola de 0 a 3 anos do Pino

A Xunta despide o curso nas escolas infantís da rede pública autonómica coa entrega de orlas e fotos personalizadas para os nenos

A partir do vindeiro mes de setembro, o 100% das escolas infantís de Galicia serán gratuítas para todo o alumnado

O Pino (A Coruña), 26 de xullo de 2022

As escolas infantís que pertencen á rede pública da Xunta finalizan o curso esta semana. Con este motivo, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a escola do Pino para entregar as orlas e fotografías personalizadas aos nenos, un recordo que terá todo o alumnado dos centros de 0 a 3 anos da Administración autonómica.

 

Fabiola García agradeceu ao persoal das escolas o traballo desenvolvido ao longo do curso e tamén ás nais e pais a súa confianza no proxecto educativo da Xunta. Ademais, salientou que as escolas infantís teñen demostrado ser un servizo de conciliación fundamental e tamén un lugar de aprendizaxe para os nenos.

 

Neste sentido, a conselleira sinalou que o Goberno galego quere garantir que as dificultades económicas non impidan a ningunha familia levar aos seus pequenos a unha escola infantil. Por iso, o vindeiro curso Galicia converterase na primeira Comunidade Autónoma en facer gratuítas todas as escolas de 0 a 3 anos, con independencia da súa titularidade.

 

Deste xeito, a partir de setembro en Galicia non se pagará nada pola atención educativa de 0 a 3 anos. Esta medida beneficiará a 30.000 familias e suporá un aforro de entre 1500 e 2000 euros por neno e ano.

Imaxes relacionadas