A Xunta destaca a boa acollida do ‘Bono Coidado’, que xa recibiu preto de 600 solicitudes en dúas semanas

Trátase dunha axuda para cubrir necesidades de conciliación de familias con nenos de ata 12 anos de idade
 

O prazo de solicitude permanece aberto ata o vindeiro 30 de setembro e se pode cursar a través da sede electrónica da Administración autonómica.
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2022

A nova convocatoria de axudas do programa Bono Coidado da Xunta de Galicia recibiu xa preto de 600 solicitudes desde que se abriu o prazo hai dúas semanas. As familias interesadas nesta axuda, que cubre as necesidades de conciliación daquelas que teñen fillos de ata 12 anos, poden solicitala ata o vindeiro 30 de setembro a través da sede electrónica da Administración autonómica.

 

Esta iniciativa, que o ano pasado concedeu preto de 1000 axudas, sufraga tanto necesidades de conciliación puntuais como as producidas durante as vacacións escolares.

 

Entre as primeiras inclúense a enfermidade do neno ou do coidador habitual; situacións de carácter laboral, como a asistencia a entrevistas de traballo ou a cursos de formación, e a necesidade de coidado de familares.

 

A axuda consiste nunha achega que pode acadar o 100% do custe do servizo. A contía máxima da mesma será de 500 euros por unidade familiar no caso da contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno no caso de asistencia a servizos de conciliación durante as vacacións escolares, como poden ser os campamentos de verán, as ludotecas ou espazos infantís similares.