A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés adopta medidas co ánimo de estabilizar situación asistencial dos seus hospitais

A adopción de medidas durante os últimos cinco días devolve a demanda asistencial dos hospitais da área ás cifras habituais da época estival

Durante as xornadas de hoxe, venres; e na de mañá sábado, todas as quendas dos 9 PAC que integran a área estarán cubertas por un facultativo
 

Pontevedra, 22 de xullo de 2022.-

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue a adoptar medidas co ánimo de estabilizar a presión asistencial dos seus centros sanitarios, ante o incremento da demanda rexistrado neste últimos días.

Neste senso, no que atinxe ao servizo de urxencias do Hospital Montecelo, durante estas últimas semanas estivo a rexistrarun incremento significativo da súa demanda asistencial. Así, durante a xornada do pasado sábado produciuse un pico no número de asistencias rexistradas neste servizo, ao atenderse en só 24 horas, un total de 223 pacientes.

Nesa mesma data, alcanzouse unha porcentaxe de urxencias ingresadas que acadou o 21% do total de pacientes atendidos. É dicir, ingresou un de cada cinco pacientes atendidos en urxencias. Habitualmente, a media de pacientes que viña atendendo o servizo de Urxencias do Montecelo situábase na contorna das 190 urxencias diarias.

Durante os últimos días, a adopción de medidas conseguiu que a situación se normalizase, e nas últimas xornadas estanse a atender entre 165 e 185 pacientes por día, no servizo de urxencias.

Pola súa banda, no Hospital Público do Salnés o pico da demanda asistencial acadouse entre as xornadas do venres, día 15, e do sábado día 16, con 181 urxencias. A media de atencións neste centro hospitalario está nas contorna das 135 urxencias diarias. Así, o pico supuxo un incremento en 24 horas dunhas 45 urxencias. Nos últimos días, as urxencias do Salnés están a atender entre 135 e 144 pacientes.

No referido á hospitalización en ambos hospitais, no caso do Hospital do Salnés non houbo alteracións importantes en ningún dos ingresos dos pacientes que foron atendidos en urxencias.

Pola súa banda, o Servicio de Medicina Interna do Hospital Montecelo alcanzou os 200 pacientes ingresados, unha cifra que obrigou á posta en funcionamento de camas de hospitalización de Medicina Interna en Montecelo, no lugar de facelo no Hospital Provincial. Esta medida evitou o traslado de pacientes de medicina interna desde as urxencias do Hospital Montecelo, ate o Hospital Provincial de Pontevedra.

Tras estes días de alta demanda asistencial, foi preciso artellar medidas nas que han colaboraron tanto os profesionais dos servizos de urxencias como doutros servizos do ámbito da hospitalización da área médica, Así, polo de agora a área sanitaria conseguiu, nestes últimos 5 días cinco días, un cambio importante na súa situación hospitalaria, de tal forma que reduciu nun 25% a hospitalización da área médica.

Nesta liña, entre as medidas que se levaron a cabo para paliar a situación do Servizo de Medicina Interna destacan:

•A utilización das camas de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) e da Unidade Polivalente

•A anulación de ingresos programados para intervencións cirúrxicas demorables, mantendo toda a cirurxía oncolóxica, prioritaria e a de pacientes ingresados.

•O Reforzo do Servizo de Medicina Interna coa contratación de 2 facultativos.

•Activación de tardes de reforzo de Medicina Interna, nas xornadas do mércores 20, xoves 21, e venres 22.

•O ingreso de pacientes que habitualmente ingresarían en Medicina Interna noutros servizos da área médica.

•Ou a anulación de dúas salas programadas de exploracións endoscópicas o mércores 20, xoves 21, e venres 22; para a redistribución do persoal de enfermería e o apoio de facultativos de Dixestivo para atender a urxencia de Medicina Interna polas mañás.

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés traslada o seu agradecemento, polo esforzo realizado, ao conxunto de profesionais que desempeñan seu labor nos centros hospitalarios e de atención primaria.

Cobertura dos 9 PAC da área sanitaria

Por último, cómpre sinalar que tanto na xornada de hoxe venres; como na de mañá, sábado; todas as quedas dos 9 PACS que integran a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estarán cubertas con un facultativo.