Lete Lasa confía que a Copa do Mundo de Tríatlon volva a ser un éxito de organización e de triunfos galegos como os Mundiais ITU de 2019

Antonio Serrat, Sara Guerrero e Natalia Castro serán os representantes galegos dunha proba que servirá como termómetro para a Gran Final das Series Mundiais de 2023, tamén en Pontevedra

Pontevedra, 22 de xullo de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu este venres á presentación da Copa do Mundo de Tríatlon que terá lugar durante a próxima fin de semana na cidade de Pontevedra e que reunirá a gran parte dos mellores triatletas do panorama internacional entre os que se atopan os galegos Antonio Serrat, Sara Guerrero e Natalia Castro.

Lete Lasa sinalou cara á gran capacidade organizativa de Galicia e de Pontevedra e lembrou os Mundiais ITU de 2019, nos que os triatletas galegos acadaron excelentes resultados, como o noveno posto de Saleta Castro ou o campionato e subcampionato de Gómez Noya e Pablo Dapena.

O mandatario galego tamén mandou unha mensaxe de apoio para os demais triatletas españois como Míriam Casillas, Anna Godoy, Sofía Aguayo, Iria Rodríguez, Marta Pintanel, Noelia Juan e Cecilia Santamaría polo cadro feminino, e Genis Grau, Sergio Baxter, Jordi García e Antonio Benito polo lado masculino que “auguran éxitos presentes e futuros no tríatlon”.

O prato forte da competición será o domingo 24, comezando arredor das 10,15h da mañá, na que está previsto que se de a saída da categoría elite feminina e coa súa respectiva entrega de medallas arredor das 12,30h. A quenda da elite masculina chegará ás 13,15h e a entrega de medallas ás 15,30h. O evento desta fin de semana serve como preparatorio para a celebración da Gran Final das Series Mundiais de 2023, tamén en Pontevedra.

Imaxes relacionadas