A Xunta destaca a importancia da continuidade do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero despois de que Galicia solicitara a súa prórroga

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Santa Cruz de Tenerife na Conferencia Sectorial de Igualdade na que se acordou por unanimidade, coa abstención de Asturias, a permanencia das políticas públicas e servizos que se derivan deste Pacto

Lembrou que o Estado creou un grupo de traballo para dar continuidade ao acordo unha vez que Galicia así o demandara

Para o Goberno galego, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero é un instrumento eficaz para coordinar as políticas de loita contra esta lacra social, un eixo prioritario ao que a Xunta destina 18 millóns de euros, un 22% máis que o pasado ano
 

Santa Cruz de Tenerife, 22 de xullo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Santa Cruz de Tenerife na Conferencia Sectorial de Igualdade na que valorou de xeito positivo a aprobación por unanimidade, coa abstención de Asturias, da prórroga do Pacto de Estado contra a violencia de xénero despois de que así o solicitara Galicia.

López Abella  lembrou que na Conferencia Sectorial celebrada en febreiro amosou a preocupación da Xuntapola continuidade destes fondos que rematan este ano xa que, daquela, o Goberno Central non tiña confirmado a súa permanencia. Así, nesa xuntanza e, a petición de Galicia, acordouse avanzar na renovación deste Pacto; e nunha reunión posterior, celebrada a finais de marzo, abordouse o inicio dos traballos para a ampliación, mellora e renovación dos acordos e instrumentos orzamentarios e administrativos deste Pacto e a continuidade dos proxectos vinculados, quedando constituído un grupo de traballo que se creou tamén a petición da comunidade galega. A primeira xuntanza desta mesa tivo lugar o pasado 7 de xuño.

A secretaria xeral da Igualdade destacou que para o Goberno galego, este Pacto de Estado é un instrumento eficaz para coordinar as políticas para loitar contra esta lacra social, un eixo prioritario para a Administración autonómica galega que, por iso, e tal e como recalcou López Abella, incrementou este ano o seu orzamento nun 22% ata os case 18 millóns de euros.

Galicia, a través do Pacto do Estado, está a xestionar 40 millóns de euros que se repartiron en cinco anualidades (2018-2022). Para este ano conta con preto de oito millóns de euros para seguir desenvolvendo as medidas previstas. En 2021, a través destes fondos, puxéronse en marcha dúas novas actuacións: o programa para impulsar a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por entidades sen ánimo de lucro e os incentivos á mobilidade xeográfica para as vítimas. Son dúas iniciativas que se circunscriben no apoio do Goberno da Xunta a que as vítimas acaden unha independencia económica, xa que o considera clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan unha maior estabilidade persoal, social e laboral e a porta que lles vai permitir saír do círculo da violencia e lograr esa independencia económica e persoal necesaria para rachar o vínculo co seu agresor e lograr a súa plena recuperación.

Galicia, ademais, é pioneira, no marco do Pacto, no apoio integral a menores que quedaron orfos por mor dos actos de violencia machista, dá cobertura económica e social ás vítimas gravemente feridas, organiza quendas de garda para a atención psicolóxica e social e incorporou traballadores sociais ás sete oficinas de atención ás vítimas en xulgados.

Entre as medidas incluídas no Pacto atópanse tamén accións para a sensibilización e prevención da violencia, a coordinación na resposta institucional ás vítimas -con especial vixilancia para os seus descendentes menores de idade-, configuración de estatísticas ou visibilidade doutras formas de violencia que poden afectar ás mulleres.

Catálogo de servizos

A Xunta, en palabras de López Abella, traballa por unha Galicia inclusiva, igualitaria, respectuosa, xusta e democrática e, por iso, considera clave a continuidade do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, un acordo que se adopta por unanimidade despois de que o Ministerio aceptara as condicións fixadas polas comunidades e flexibilizara a súa postura, xa que nun inicio a súa proposta para a renovación deste Pacto baseábase nun plan concertado con cofinanciamento por parte das comunidades.

A secretaria xeral, para rematar, valorou como positivo tamén o acordo adoptado para elaborar un catálogo de referencia de políticas e servizos en materia de violencia contra as mulleres, xa que se desenvolverá entre as comunidades autónomas e o Estado e se actualizará periodicamente.

Imaxes relacionadas