A Xunta creará 68 polos creativos e 7 pistas multideporte nos centros educativos e institutos da provincia de Pontevedra
A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou que a iniciativa supón “un pulo do modelo educativo no eido da innovación e a transformación dixital” e unha nova vía de colaboración cos concellos para mellorar as dotacións deportivas
A administración galega achegará preto de 380.000 euros ás pistas multideporte, subvencionando ata o 85% do custo destas infraestruturas de titularidade municipal
En canto aos polos creativos, esta primeira fase de implantación chegará en setembro a 64 centros educativos; 44 na área de Pontevedra e 24 na de Vigo
A Xunta de Galicia acaba de aprobar a implantación de 68 polos creativos e 7 pistas multideporte nos centros educativos e institutos da Provincia de Pontevedra, tal e como informou hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
No caso da primeira iniciativa, Fernández-Tapias sinalou que supón “un pulo do modelo educativo no eido da innovación e a transformación dixital”, enmarcada na Estratexia de Educación Dixital 2030, a folla de ruta para o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital. En canto ás pistas multideporte, sinalou que abren unha nova vía de colaboración cos concellos co obxectivo de contribuír a mellora destas dotacións de uso compartido entre a comunidade educativa e a cidadanía.
Ambas as dúas iniciativas póñense en marcha ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e supoñen un investimento conxunto de case 6 millóns de euros para o conxunto da Comunidade.
Deste modo, segundo indicou a representante autonómica, o obxectivo principal dos polos creativos “é consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público”
Fernández-Tapias detallou que esta primeira fase de implantación de polos creativos chegará este setembro a un total de 68 centros educativos da provincia, dos que 44 corresponden á área territorial de Pontevedra e 24 á de Vigo.
Os polos creativos son lugares de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Isto é, centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.
Así pois, nos centros seleccionados nesta primeira fase, a Consellería de Educación despregará arredor de 22.000 unidades de material e equipamento especializado. Entre eles máis de 1.800 robots ou kits de robótica, máis de 2.100 elementos de equipamento audiovisual, preto de 1.000 tablets e 140 taboleiros interactivos, más de 500 elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D e unhas 9.000 unidades de mobiliario avanzado, flexible e innovador.
Pistas multideporte
No que atinxe ás pistas multideporte, é a primeira acción deste tipo que se pon en marcha en Galicia, cun investimento de 1,96M€, a través da cal o Goberno galego financia ata o 85% do custo destas infraestruturas lúdico-deportivas nos centros escolares que son de uso conxunto entre a comunidade educativa e a cidadanía. No caso da provincia de Pontevedra a achega é de preto de 380.000 euros.
Concretamente, veranse beneficiados por esta medida o CEIP Agolada (Agolada), CEIP Pio Cabanillas Gallas (Dozón), o CEIP Fernández López (O Porriño), o CPI Curros Enriquez (Pazos de Borbén), o CEP Pedro Caselles Beltrán (Tomiño), o CEIP Plurilingüe Nº2 (Tui) e o CEIP de San Roque- Corón (Vilanova de Arousa).
As axudas van destinadas a pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. O obxectivo é promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica de, candomenos, cinco deportes, nun espazo polifuncional.
Os concellos de 5.000 habitantes ou menos podían recibir da Xunta ata o 85% da contía subvencionable ata un máximo de 85.000€ por proxecto. No caso dos concellos con poboacións de entre 5.000 e 15.000 habitantes a porcentaxe subvencionable é do 75% e nos de poboación igual ou superior a 15.000 habitantes será do 60%.
Esta liña de axudas vén a referendar a liña de traballo interinstitucional entre as administracións autonómica e local para o máximo aproveitamento das infraestruturas públicas. Nesta liña, cómpre lembrar ao acordo marco selado entre a Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a través do cal se regula a apertura das instalacións deportivas dos institutos ao seu uso por parte da cidadanía fóra do horario escolar.
POLOS CREATIVOS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA – 1ª FASE
CONCELLO | NOME DO CENTRO |
A Cañiza | CPI da Cañiza |
A Estrada | CEIP de Figueiroa |
A Illa de Arousa | IES da Illa de Arousa CEIP da Torre-Illa |
A Lama | CEIP A Lama |
As Neves | CEIP Marquesa do Pazo da Mercé |
Baiona | CPI de Cova Terreña |
Bueu | CEIP Plurilingüe da Torre-Cela |
Cambados | CEIP Plurilingüe de Castrelo CEIP de Corvillón CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro CEIP San Tomé |
Cangas | IES Monte Carrasco CEIP do Hío CEIP Plurilingüe da Espiñeira-Aldán CEIP Nazaret |
Cerdedo-Cotobade | CEIP Plurilingüe de Carballedo CEIP Plurilingüe de Tenorio |
Forcarei | IES Chano Piñeiro |
Gondomar | CEIP Serra-Vincios |
Lalín | CEIP Xoaquín Loriga |
Marín | CEIP da Laxe CEP de Sequelo-Marín |
Meaño | CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas |
Moaña | CEIP Plurilingüe de Reibón |
Mos | IES de Mos |
Niográn | CEIP da Cruz IES Escolas Proval |
O Grove | IES Plurilingüe As Bizocas |
O Porriño | CEIP Plurilingüe da Ribeira CEIP Plurilingüe Antonio Palacios IES Ribeira do Louro |
Ponte Caldelas | CEIP Plurilingüe A Reigosa |
Ponteareas | IES do Barral CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera |
Pontevedra | IES A Xunqueira I CEIP San Martiño IES Montecelo IES A Xunqueira II CEIP de Parada-Campañó IES Sánchez Cantón CEIP Plurilingüe Froebel |
Redondela | CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas CEIP Plurilingüe de Reboreda CEIP Plurilingüe de Cedeira CEIP Plurilingüe da Igrexa-Chapela |
Salvaterra | CEP Carlos Casares |
Sanxenxo | CEIP Plurilingüe A Florida |
Tomiño | CEIP Plurilingüe de Tebra CEIP de Sobrada |
Tui | CEIP de Rebordáns CEIP Plurilingüe Nº 1 |
Valga | IES de Valga |
Vigo | IES Valadares CEIP Balaídos CEIP Vicente Risco CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro IES Rosais 2 CEP Plurilingüe Santa Tegra-Teis IES de Teis IES Carlos Casares IES Santa Irene CEIP de Mosteiro-Bembrive |
Vilaboa | CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez |
Vilagarcía de Arousa | CEE de Vilagarcía de Arousa |
Vilanova de Arousa | CEIP de Viñagrande-Deiro IES A Basella |