A Xunta licita as obras de urbanización do polígono 1 de San Paio de Navia por máis de 14,3 millóns de euros

A obra xa fora licitada no pasado mes de marzo, pero dado o incremento dos custes da construción que se produciron nos últimos meses, o Instituto Galego da Vivenda e Solo decidiu revisar os prezos e realizar unha nova licitación

Permitirá a construción de 733 vivendas protexidas, das que 207 serán de promoción pública, construídas polo propio IGVS

O IGVS xa licitou os contratos para a redacción dos proxectos das 207 vivendas de promoción pública que se construirán no polígono 1
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia licitou hoxe as obras de urbanización do primeiro dos tres polígonos nos que se divide a ampliación do barrio residencial de San Paio de Navia, en Vigo, por un importe de 14.321.744,53 euros. As empresas interesadas teñen ata o 5 de setembro para presentar as súas ofertas.

 

Cómpre lembrar que a obra xa fora licitada no pasado mes de marzo, pero ante a demora do Concello en aprobar definitivamente o proxecto de urbanización (imprescindible para a adxudicación da obra), e dado o incremento dos custes da construción que se produciron nos últimos meses, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) decidiu revisar os prezos e realizar unha nova licitación. O atraso na aprobación do proxecto supón un sobrecuste de preto de 4 M€ xa que en marzo a obra foi licitada por 11.453.034,13 euros.

 

A obra que se licita permitirá urbanizar o polígono 1 da ampliación de San Paio de Navia, que abrangue case 100.000 metros cadrados e representa máis dun terzo da superficie de todo o ámbito. Realizaranse os traballos de pavimentación, sinalización de vías e semaforización, accesibilidade, xardinería —con 9.600 m2 de zonas verdes e 222 árbores—, equipamento urbano —dúas áreas de xogo e unha de exercicio adaptadas para persoas con diversidade funcional e integradas paisaxisticamente coa contorna—, e a construción das redes de abastecemento, saneamento, enerxía eléctrica, iluminación, gas e telecomunicacións.

 

Así mesmo, tamén se acometerá a construción de 1,18 quilómetros do carril bici proxectado, o que supón máis da metade da lonxitude total prevista para esta infraestrutura —2,2 quilómetros—.

 

Nesta primeira fase están proxectadas 733 vivendas protexidas —das 1.600 previstas en toda a ampliación—, cuxas obras se poderán ir acompasando ás actuacións de urbanización. Deses inmobles, 207 serán de promoción pública; 331 serán levantados por cooperativas e promotores; e 195 corresponden ás permutas de solo.

 

O IGVS licitou en xaneiro a redacción do proxecto e dirección de obra das primeiras 79 vivendas de promoción pública (VPP) deste ámbito e a comezos de xullo licitou a redacción dos proxectos das outras 128 vivendas de promoción pública que construirá no polígono 1 de San Paio de Navia. En total, o investimento estimado para as 207 VPP comprometidas é de 28,5 millóns de euros.

 

Con esta licitación, dáse un paso decisivo para avanzar no desenvolvemento da maior bolsa de solo residencial de toda Galicia. O IGVS convocará o concurso para a adxudicación de solo unha vez que o Concello de Vigo aprobe o proxecto de urbanización deste polígono.

 

Os tres polígonos que compoñen a ampliación do solo residencial de San Paio de Navia abrangue unha superficie total de 265.000 metros cadrados no que se prevé realizar un investimento público-privado de 256 millóns de euros co fin de habilitar un total de 1.600 novas vivendas protexidas.