A Xunta velará polo uso correcto do territorio ao asumir competencias urbanísticas do concello de Leiro

En base a este convenio de colaboración, este municipio delega na APLU as súas competencias en materia de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística

Xa son 94 as administracións locais galegas que están adheridas á Axencia e, concretamente, 29 na provincia de Ourense
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), será a encargada de velar polo uso correcto e a ordenación do territorio no concello de Leiro.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta adhesión, logo de que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Francisco José Fernández, asinasen recentemente o convenio en virtude do cal Leiro se suma á listaxe de concellos que delegan na APLU parte das súas competencias.

 

En virtude destes convenios, os concellos ceden as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza nas seguintes clases de solo: solo rústico ou non urbanizable; solo urbanizable ou apto para urbanizar, mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento; e núcleos rurais delimitados no PXOM. Pola súa parte, a APLU comprométese a transferir ás entidades locais adheridas un 10% do produto das multas coercitivas e das sancións que impoña.

 

Cómpre lembrar que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente que está ao servizo dos concellos co fin de velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións que se cometan neste eido nos municipios adheridos. Ademais, tamén se pon á disposición dos técnicos municipais para asesoralos en todo tipo de cuestión relacionadas coas materias da súa competencia.

 

A día de hoxe, xa son 94 as administracións locais galegas que están adheridas á Axencia e, concretamente, 29 na provincia de Ourense. O obxectivo da Xunta é seguir incorporando máis municipios, ao tempo que se incrementa a colaboración cos que xa están adheridos.