Rodríguez Miranda e Anxo M. Lorenzo asisten á inauguración da exposición “Materiais Seoane. Entre Galicia y Argentina” no Museo de arte español Enrique Larreta de Bos Aires

Bos Aires (Arxentina), 21 de xullo de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e do  delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, asistiu esta tarde á inauguración da exposición “Materiais Seoane, entre Galicia e Arxentina”, organizada polo Ministerio de Cultura da cidade de Bos Aires e o Consello da Cultura Galega e presidido pola presidenta do Consello, Rosario Álvarez, e a directora xeral de Patrimonio, Museos e Casco Histórico do Ministerio de Bos Aires, Martina Magaldi. Trátase dunha selección de máis de 90 obras do artista arxentino-galego Luís Seoane localizadas no Museo de arte español Enrique Larreta, en Bos Aires que celebra este ano o seu 60 aniversario.  

Luís Seoane foi unha figura esencial da cultura moderna da Arxentina, á vez que se converteu nun dos artistas máis completos e importantes de Galicia. O obxectivo principal de “Materiais Seoane. Entre Galicia y Argentina” é evidenciar, con diversos tipos de obras (óleos, cerámicas, tapas de discos, etc.), a diversidade experimental da produción moderna do artista e os seus percorridos intelectuais. Na exposición pódense contemplar90 producións do artista que inclúen gravados, óleos, revistas e libros.

Imaxes relacionadas