O presidente da Xunta asistiu ao acto de reinauguración do Hotel Peregrino logo do remate dos traballos de reforma integral das instalacións

Rueda eloxia a aposta do sector turístico pola oferta de calidade e destaca o pulo do Xacobeo, que permitirá acadar nos vindeiros días as 200.000 compostelas

O titular do Goberno galego lembrou que promocionar o Ano Santo “é promocionar Galicia”


O Goberno galego destinará este ano máis de 46 M€ do Plan Camiña a afianzar, modernizar e garantir a fortaleza do turismo na Comunidade
 

 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, eloxiou esta tarde a aposta do sector turístico pola súa oferta de calidade e destacou o pulo do Xacobeo, que permitirá acadar nos vindeiros días as 200.000 compostelas.

 

O titular do Executivo autonómico asistiu esta tarde ao acto de reinauguración do Hotel Exe Peregrino de Santiago logo do remate dos traballos de reforma integral das súas instalacións.

 

Rueda destacou o esforzo e a profesionalidade do colectivo turístico, que conta con máis de 100.00 empregados e arredor de 19.300 aloxamentos, e asegurou que seguirán a contar co apoio do Goberno galego. Ao longo desta edición do Xacobeo, entre o 2021 e o 2022, o investimento da Xunta alcanza os 20 millóns de euros especificamente para o sector hostaleiro e, en xeral, a Xunta destinará este ano máis de 46 millóns do Plan Camiña a afianzar, modernizar e garantir a fortaleza do turismo na Comunidade.

 

O presidente da Xunta chamou a atención tamén sobre o incremento do turismo internacional neste segundo ano do Xacobeo, xa que a metade dos peregrinos que chegan a Galicia son de procedencia estranxeira. Con estas cifras esperanzadoras, Rueda reafirmouse en que promocionar o Ano Santo “é promocionar Galicia”.

 

En canto ás pernoitas en establecementos galegos, os datos mantéñense por riba do récord alcanzado no 2019. Recollidas as estatísticas do mes de maio, alcanzáronse 1,7 millóns de turistas aloxados.

 

Imaxes relacionadas