Fernández-Tapias abre o village da Iacobus Maris para recibir este venres á ruta xacobea marítima máis longa da historia

A delegada da Xunta inaugurou este xoves a programación para recibir ao día seguinte no porto vigués á frota de grandes veleiros
 

Catro días de actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e sábado e visitas guiadas aos barcos
 

Os barcos que conmemoran a viaxe do corpo do Apóstolo Santiago chegarán a ría de Vigo este venres 22 de xullo (16:00 horas)
 

Vigo, 21 de xullo de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, inaugurou este xoves o village instalado no peirao de Transatlánticos para dar a benvida este venres á frota de veleiros que converterá a Vigo durante catro días, ata o 24 de xullo, no porto base da ruta xacobea máis longa da historia.

 

“Esta iniciativa une cultura, tradición e patrimonio marítimo, porque a Iacobus Maris é unha ruta que achega valor engadido a Vigo e Galicia, polo que o Goberno galego vai a estar sempre dando apoio á cidade e a calquera iniciativa deste tipo”, sinalou a representante autonómica.

 

A Iacobus Maris supón o regreso a Galicia dos grandes veleiros en conmemoración da viaxe do corpo de Apóstolo ata Santiago de Compostela. A ruta xacobea marítima estivo dividida en catro etapas e visitou cinco portos ao longo dunha peregrinación que partiu da localidade italiana de Xénova o pasado 26 de xuño e que chegará este venres a Vigo tras tocar os portos de Valencia (1 ao 3 de xullo), Sevilla (8 ao 10) e Oporto (16 ao 19).

 

Catro días de actividades

Fernández-Tapias estivo acompañada durante o acto de inauguración polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, e polo presidente da Fundación Traslatio, Mario Cardama. A delegada lembrou que serán catro días de actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e o sábado e visitas guiadas e de balde aos barcos.

 

“Eventos como esta ruta marítima contribúen de forma decisiva e sen lugar a dúbidas a colocar a Galicia no mapa, e a Vigo no lugar que se merece neste dobre Ano Santo, reivindicando o seu papel central no Camiño de Santiago e no Camiño Portugués da Costa”, apuntou Marta Fernández-Tapias durante a inauguración.

 

Embarcacións participantes

Os barcos que chegarán son os españois VO70 “E1”, “Atyla”, “Pascual Flores”, “Atyla”, “Peregrina” e “Evangelina”; o portugués “Vera Cruz”, e o francés “Etoile”.  A frota fará a súa entrada na ría de Vigo o venres, 22 de xullo, sobre as 15:00 horas para celebrar unha grande parada naval nas Cíes antes de entrar ao porto vigués. No evento náutico tamén participarán os barcos da Ruta Marítima Cabaleiro das Cunchas Xacobeo 21-22

 

Ao longo da fin de semana as embarcacións abrirán as súas portas para que todos os visitantes poidan coñecer como é a navegación nos grandes veleiros. Os tripulantes realizarán o sábado o resto do seu percorrido ata Compostela cunha travesía en catamarán desde Vilanova de Arousa ata Padrón, e de alí por estrada ata a Catedral de Santiago.

Imaxes relacionadas