O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento da o visto bo a execución do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu este organismo na que se presentou o Informe de avaliación plan e se avanzou o proceso de elaboración do IV Plan Director da Cooperación Galega para o período 2023-2026

 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022 O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu  esta mañá a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na que se presentaron os resultados da avaliación final do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.

O IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 é o documento de planificación que establece os obxectivos e prioridades da cooperación galega e enmárcase na nova axenda global de desenvolvemento, definida pola Axenda 2030. Este IV Plan Director estableceu entre os seus obxectivos o de incrementar o grao de transparencia e de rendición de contas da cooperación galega a través da actividade avaliadora. Este obxectivo esixe a necesidade de realizar unha avaliación final do devandito Plan ao final do período de execución do mesmo.

O principal punto da orde do día da reunión foi o de dar  a coñecer aos representantes das entidades que conforman ese órgano os resultados finais da avaliación externa e participativa recentemente rematada.

Consonte a esta avaliación a cooperación galega adaptou o seu marco estratéxico e operativo ao desafío colectivo da Pandemia da Covid-19, renovou o seu marco legal o que lle permitiu recuperar o consenso social e político co sector, deu cumprimento aos compromisos de incremento orzamentario establecidos e destinou máis de 27 millóns de euros que lle permitiron colocar a Galicia na 7ª posición en volume de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) respecto do resto das Comunidades Autónomas.

Ademais, consolídanse as características tradicionais da Cooperación Galega, como son: a súa solvencia, cun nivel de execución orzamentaria e de cumprimento de obrigas de pagamento aos axentes do 100 %,; a súa transparencia, coa rendición de contas á cidadanía dos logros colectivos; ou o seu aliñamento coa axenda global de desenvolvemento, contribuíndo á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, entre outras.

Na reunión tamén se avanzou o a planificación do proceso para a elaboración do V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026 no que fomentara a mais ampla participación dos axentes de cooperacióne será sometido a aprobación na xuntanza correspondente do  Congacode, do Consello da Xunta e do Parlamento de Galicia.

O Congacode é órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación, como son as Universidades, o Fondo Galego, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos entre outros.

Imaxes relacionadas