A Xunta autoriza a extensión ao conxunto de Galicia das vantaxes do transporte metropolitano e reduce o prezo do billete do autobús a 150.000 veciños de 119 concellos rurais

O presidente da Xunta explica que, coa creación da Área de Transporte de Galicia, os usuarios dos concellos adheridos poderán disfrutar de descontos mínimos de 50 céntimos no prezo do billete e de transbordos gratuitos

A Xunta de Galicia asume a totalidade das bonificacións nas viaxes nos municipios con menos de 2.000 habitantes, que se aplicarán directamente e sen necesidade de asinar convenios para a integración dos municipios

Esta medida ten como obxectivo dotar o rural de servizos que respondan ás necesidades dos cidadáns, contribuíndo a mitigar o despoboamento

No resto de concellos, cando decidan adherirse á área de transporte, a Xunta asumirá un mínimo do 80 % das bonificacións
 

As viaxes contarán co mesmo prezo para os usuarios dun mesmo concello, independentemente do itinerario ou do número de autobuses para chegar ao destino
 

O Consello da Xunta aproba a regulación da Área de Transporte de Galicia, que comezará a funcionar nos vindeiros meses
 

A iniciativa completa o Plan de transporte público, que inclúe medidas como a tarxeta Xente Nova, coa cal 116.000 menores de 21 anos xa viaxan gratis no autobús da Xunta de Galicia por toda a comunidade

Santiago de Compostela, 21 de xullo 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe que o Consello autorizou a extensión ao conxunto da Comunidade das vantaxes do transporte metropolitano e reduce o prezo do billete do autobús a 150.000 veciños de 119 concellos rurais. “Damos un paso máis para favorecer a mobilidade sustentable en Galicia impulsando o uso do autobús”, indicou.

 

Rueda explicou que isto será posible coa creación da Área de Transporte de Galicia. O Consello da Xunta aprobou hoxe a regulación desta área, mediante a modificación dun anexo ao Plan de transporte público de Galicia.

 

Subliñou que, coa creación da Área de Transporte de Galicia, os usuarios dos concellos adheridos poderán desfrutar de descontos mínimos de 50 céntimos no prezo do billete e transbordos gratuítos.

 

Segundo detallou o presidente galego, a Xunta asumirá a totalidade das bonificacións nas viaxes nos municipios con menos de 2.000 habitantes, que se aplicarán directamente e sen necesidade de que estes concellos asinen un convenio de colaboración coa Xunta para a súa integración na Área de Transporte de Galicia.

 

A área de transporte de Galicia suporá un investimento de “11 millóns de euros ao ano” para facer fronte ás bonificacións, explicou o presidente da Xunta. Deles, o 80% serán achegas realizadas polo Gobernon galego.

 

O obxectivo é homoxeneizar o sistema de transporte público na comunidade e facilitar a integración do conxunto de concellos nesta área de transporte de Galicia, na cal se prevé a aplicación directa das bonificacións nas viaxes para aqueles concellos rurais de reducida poboación, que serán asumidas pola Xunta de Galicia.

 

A regulación fará posible a aplicación directa en 119 concellos rurais das vantaxes da área de transporte de Galicia, que funcionan xa desde hai anos nas áreas de transporte metropolitano. Trátase, con carácter xeral, de municipios con menos de 2.000 habitantes.

 

Nestes ámbitos rurais, a Xunta de Galicia asumirá directamente a totalidade das bonificacións, incluída a porcentaxe que correspondería aboar a estes concellos no caso de decidiren integrarse na área de transporte de Galicia, polo que os incentivos resultarán aplicables sen necesidade de que o municipio formalice a súa adhesión.

 

Con este tipo de medidas, o Executivo autonómico continúa traballando para contribuír a dotar o rural de servizos que respondan ás necesidades dos cidadáns, mitigando, por conseguinte, o despoboamento nestas contornas.

 

O resto de concellos poderán decidir integrarse na área de transporte de Galicia para facilitar novos descontos nos prezos do autobuses. Neses casos, o Goberno galego asumirá, con carácter xeral, un mínimo do 80 % das bonificacións aos usuarios.

 

Con esta autorización, as viaxes terán o mesmo prezo para o conxunto de usuarios dun mesmo concello, independentemente do itinerario concreto que percorra o autobús ou do número de autocares que se teñan que utilizar para chegar ao destino final.

 

Os concellos que actualmente forman parte das áreas de transporte metropolitano poderán optar polo mantemento das actuais tarifas, de seren estas inferiores ás que resultan do novo modelo de cálculo. A Xunta manterá a asunción, nese caso, do 80 % desa adaptación de tarifas.

 

A modificación tamén prevé a simplificación dos trámites para a integración dos concellos interesados con respecto aos previstos para as áreas de transporte metropolitano.

 

Unha vez autorizada hoxe a modificación do anexo ao Plan de transporte público de Galicia, a Xunta aprobará un modelo de convenio de adhesión e establecerá o cronograma da súa implantación. Fixarase a apertura de fases temporais sucesivas para que se integren os concellos por ámbitos territoriais, de acordo coas necesidades tecnolóxicas que a área require, en canto á adaptación das canceladoras que deben ir nos vehículos. A previsión é que a área de transporte de Galicia poida comezar a funcionar nos vindeiros meses.

 

Ademais, prevese a implantación de novas actuacións ou servizos de transporte de iniciativa municipal, así como a integración doutros modos de transporte público regular, como os servizos marítimos na ría de Vigo ou os servizos ferroviarios.

 

Esta actuación completa o Plan de transporte público de Galicia, no marco do cal o Goberno galego impulsou iniciativas como a tarxeta Xente Nova, coa cal os menores de 21 anos viaxan de balde por toda Galicia grazas ao investimento autonómico este ano duns 6,5 millóns de euros. No día de hoxe son xa 116.000 os mozos galegos que dispoñen da tarxeta Xente Nova, coa cal poden viaxar gratis no autobús da Xunta por toda a comunidade.

 

Imaxes relacionadas