O Consello Consultivo avala que Galicia pode exercer as competencias en materia de ordenación do litoral sen reformar o Estatuto

O presidente da Xunta resalta que este ditame “reafirma as teses” da Asesoría Xurídica de Galicia
 

Traslada ao Goberno central as alegacións presentadas polos concellos costeiros e as empresas do sector da cadea mar-industria ao Plan nacional sobre a costa
 

O borrador do plan estatal considera como un problema crítico da costa galega que existan ocupacións do dominio público marítimo-terrestre, polo que sinala como obxectivo estratéxico a súa “liberación”
 

As reclamacións inciden en que o Plan estratéxico nacional vai en contra da lexislación de costas e que carece de todo fundamento técnico, ao se basear na opinión persoal de funcionarios estatais
 

Lémbralle ao Goberno central que corresponde a Galicia liderar o deseño e a implementación de medidas para a ordenación da costa, como competencia da ordenación do seu litoral
 

Santiago de Compostela, 21 de xullo 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe que o Consello Consultivo de Galicia avala que a Comunidade pode exercer as competencias en materia de ordenación do litoral sen necesidade de reformar o Estatuto de autonomía no ditame emitido o 20 de xullo en relación coa petición realizada polo Goberno galego sobre o traspaso competencial do dominio público marítimo-terrestre (DPMT). “A Xunta leva tempo reclamando a xestión plena destas zonas para poder exercer competencias que xa temos no ámbito urbanístico, portuario ou de control de vertidos”, aseverou.

 

Este ditame “reafirma as teses da Asesoría Xurídica da Xunta”, resaltou Rueda ao indicar que o Consultivo sinala nas súas conclusións que a Comunidade Autónoma posúe competencias en materia de ordenación do litoral e que o traspaso de funcións e servizos é un acto debido por parte da Administración do Estado. Fai fincapé en que o Estado está exercendo “transitoriamente funcións que non lle corresponden”, polo que o Consultivo conclúe que “se debe evitar, por lealdade constitucional, esta situación anómala”.

 

Deste xeito, o Consultivo avala a tese mantida pola Xunta de Galicia de que non é preciso reformar o Estatuto de autonomía para proceder ao traspaso efectivo de funcións e servizos. No seu ditame di textualmente que “non resulta necesario modificar o devandito estatuto para a asunción competencial neste eido”.

 

Por último, cómpre sinalar que a Comunidade Autónoma xa ten recoñecida a competencia exclusiva sobre a ordenación do territorio e do litoral no artigo 27.3 do Estatuto de autonomía, como recolle o ditame do Consultivo, que, ademais, conclúe que dentro da competencia que ten a Comunidade está integrada a xestión dos títulos de ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) como función executiva.

 

Alegacións ao Plan estratéxico nacional para a protección da costa española

Nesa liña, o Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se autorizan as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar para dar traslado ao Goberno central das alegacións presentadas por Galicia ao Plan estratéxico nacional para a protección da costa española, considerando os efectos do cambio climático, elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), e que pon en risco arredor de 4.000 edificacións, entre as cales figuran máis de 200 empresas.

 

Á reclamación presentada polo Goberno galego súmanse as de vinte concellos do litoral e as das empresas do sector da cadea mar-industria. Todas elas focalizadas en que o plan, que ten como obxectivo eliminar toda ocupación do DPMT en Galicia no horizonte de 2045, vai en contra da Lei de costas, así como en que carece de fundamento obxectivo ao se basear exclusivamente na opinión de dous funcionarios estatais.

 

Logo do impedimento por parte do Goberno central para que os concellos e as empresas afectadas tivesen acceso ao contido do plan, a Xunta de Galicia púxose á disposición dos interesados para recoller as súas alegacións e presentalas ante o Ministerio, co fin de que sexan tidas en conta. O prazo de presentación de alegacións remata mañá venres 22 de xullo.

 

Co fin de contar cunha perspectiva estritamente obxectiva do proceso de preparación do Plan estratéxico nacional para a protección da costa española, considerando os efectos do cambio climático, a Xunta encargou a elaboración das alegacións ao Observatorio do Litoral, ente dependente da Universidade da Coruña e experto no eido competencial de costas.

 

Un plan sen fundamento legal

O conxunto das reclamacións inciden na falta de todo fundamento legal para a elaboración deste plan estratéxico. Tal e como apuntan, foi xa o lexislador de 2013 –a Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sustentable do litoral e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, o que introduciu unha regulación para afrontar a loita contra os efectos do cambio climático no litoral e obrigou á aprobación da Estratexia de adaptación ao cambio climático da costa española. Esta estratexia tramitouse coa participación de todas as comunidades autónomas, tivo avaliación ambiental, está aprobada e publicada. Non obstante, este novo plan do Ministerio faise á marxe da estratexia nacional.

 

Ademais, a normativa vixente de costas xa regula cando se poden eliminar as concesións do litoral por mor do cambio climático: só cando o Estado teña declarado unha área en regresión grave por ter retrocedido a liña de costa máis de 5 metros en cada un dos últimos 5 anos anteriores e que as ocupacións que estean nesa área se vexan alcanzadas polo mar ou exista risco certo de que as alcance. Polo tanto, o Estado no pode pretender eliminar as ocupacións da costa en contra desta regulación.

 

Por outra banda, nas alegacións que se van presentar faise fincapé en que o plan supón un novo intento do Estado por ampliar as súas competencias en detrimento das que posúen as comunidades autónomas, co pretexto da loita sobre cambio climático.

 

No borrador do plan descríbese como obxectivo xeral o de garantir “a harmonización rexional e a aplicación das medidas de protección da costa máis axeitadas para todo o litoral español”. Porén, o Estado só podería levar a cabo esta función a través dunha lei básica e non mediante un plan estatal. Do mesmo xeito, a planificación e a actuación no litoral é competencia das comunidades, que, como Galicia, teñen recoñecida a súa competencia exclusiva en materia de ordenación do litoral, tal como recolle o ditame do Consello Consultivo de Galicia.

 

Un documento de marcado carácter subxectivo

As alegacións poñen de relevancia, tamén, o carácter uniformador e subxectivo da confección da diagnose en que se fundamenta un plan que busca a liberación do dominio público marítimo-terrestre.

 

O Ministerio non tivo en conta as particularidades de cada unha das comunidades do litoral, nin tampouco os seus datos físicos, socioeconómicos ou ambientais. Fixo uso de bases de datos homoxéneas, dándolle un enfoque uniforme a toda a costa de España. Así, no referido á costa galega, en ningún momento se fai referencia ás bases de datos de que dispón Galicia –actualizadas para o seu manexo diario e as que emprega para a elaboración de normas e plans de ordenación-.

 

Tampouco se contou co coñecemento e a experiencia do persoal da Administración autonómica e das administracións locais costeiras, coas cales o Ministerio nunca se puxo en contacto.

 

O plan é totalmente subxectivo, dado que a identificación como unha “ameaza” e un “problema crítico” en Galicia que existan ocupacións da costa se basea na opinión de dous funcionarios estatais. Cómpre salientar que a análise da costa galega se fixo sobre a base de preguntar a seis técnicos do Ministerio (un de Pontevedra, dous da Coruña e tres de Lugo) se consideraban que a presión das ocupacións sobre a costa era un problema. Desas seis persoas consultadas, só dúas consideraron que era un problema grave.

 

Non é razoable que a percepción de dous funcionarios estatais dea lugar a un diagnóstico que recolla como temática crítica a “ocupación do DPMT” que deriva no sinalamento da “liberación do DPMT” como obxectivo estratéxico do plan que quere aprobar o Ministerio.

 

Ademais, o plan non analiza toda a costa galega, senón unicamente 28 unidades que corresponden ás ‘áreas de risco potencial significativo’ recollidas no visor de Augas de Galicia, e limitadas ás desembocaduras de cursos de augas fluviais á costa

Imaxes relacionadas