A Xunta lamenta que o Goberno de España non tome medidas definitivas e inmediatas para atallar a falta de médicos de familia en todo o Estado

O conselleiro de Sanidade incide en que “o Ministerio non está a ser consciente da urxencia” e lamenta que aínda mañá se comecen a debater uns criterios máis flexibles para crear unidades docentes de medicina de familia


 “Non podemos permitirnos agardar un ano máis sen unha remesa extraordinaria de especialistas en medicina de familia”, advertiu García Comesaña


Galicia preguntou esta tarde na xuntanza do Consello Interterritorial polos prazos para crear a especialidade de urxencias a través do novo decreto publicado hoxe polo Ministerio de Sanidade, sin obter resposta a súa consulta
 

 

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2022 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lamenta que a ministra de Sanidade, Carolina Darias non tome medidas de impacto directo para que a próxima convocatoria MIR, poida contar coas 1.000 prazas máis de medicina familiar e comunitaria que precisa o Sistema Nacional de Saúde, tal e como recolle o recente manifesto enviado hai unhas semanas ao Ministerio de Sanidade pola Xunta e o Goberno Vasco e ao que se sumaron outras cinco comunidades autónomas.

 

O responsable da carteira sanitaria da Xunta incidiu en que, “o Ministerio non está a ser consciente da urxencia” ante un problema que xera máis problemas nos centros de saúde de todo o territorio nacional. Así, apuntou que mañá aínda se comezara a debater, nun grupo técnico, uns criterios máis flexibles para crear unidades docentes de medicina de familia, “iso para nós supón un atraso inaceptable na situación actual”apostilou.

 
“O proceso de cambio desta normativa empezou xa en setembro do ano pasado e Galicia trasladou as súas propostas en outubro”, abundou o conselleiro lamentando que nove meses despois o Goberno de España considere que aínda non será posible aplicar estes criterios na próxima convocatoria MIR.

 

“Sen un cambio inmediato dos requisitos para acreditar prazas formativas, a convocatoria de 2023 vai ser practicamente idéntica á de 2022”, advertiu García Comesaña. Nesta liña, subliñou que “non podemos permitirnos agardar un ano máis sen unha remesa extraordinaria de especialistas en medicina de familia. O sistema non vai poder soportalo”.

 
Ausencia de medidas urxentes
 

Así, malia valorar a reunión de hoxe Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, lamentou que nesta xuntanza nin se abordase a mudanza do sistema de elección de prazas, que impide aos aspirantes coñecer en tempo real as prazas dispoñibles e que provocou que quedaran duascentas vacantes este ano; nin que tampouco se avanzase na creación do Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios, para poder orientar o sistema formativo ás necesidades obxectivas. “Quedaron sen resolver temas fundamentais para saír deste problema común de todas as comunidades”.


Por outra banda, o Goberno central informou ás Comunidades Autónomas dun decreto regulador das creación das especialidades sanitarias que se publicou hoxe no Boletín Oficial do Estado, despois de pasar meses sen información sobre a súa tramitación, e os cambios que experimentara desde a primeira versión

 
Sobre este particular, García Comesaña solicitoulle hoxe ao Ministerio coñecer os prazos nos que se podería acometer a creación da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias a través deste procedemento, unha consulta que no obtivo resposta, polo que Galicia empregará os mecanismos que prevé este novo decreto para que se inicie canto antes o trámite de creación desta especialidade.

 

O goberno galego seguirá insistindo ante o Goberno de España en todos os foros sobre a necesidade urxente das medidas que propuxo e que teñen o apoio de sete gobernos autonómicos de distinto signo político. O conselleiro atribuíu a falta de dilixencia do Ministerio de Sanidade a “que ten as competencias en formación sanitaria especializada pero non ten que xestionar a asistencia sanitaria diaria” co que “non sufre as consecuencias da lentitude das súas decisións”.