A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos participantes nesta iniciativa, que forma parte da campaña ‘O verán que queres contar’

A Xunta pon en valor a Ruta Xacobea co campo de voluntariado ‘Xuventude é Camiño’ en Baleira

Os voluntarios e voluntarias acondicionan tramos do traxecto e desenvolven actividades dinamizadoras para os peregrinos que rematan a súa etapa nesta zona

Baleira (Lugo), 20 de xullo de 2022.-

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe a contribución do voluntariado a poñer en valor as diferentes rutas Xacobeas. Fíxoo durante a visita ás mozas e mozos que participan no campo de voluntariado Xuventude é Camiño, que ten lugar no concello de Baleira, polo que discorre o Camiño Primitivo a Santiago de Compostela.

 

Nesta actividade danse cita un total de 15 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos. Durante a súa estancia, que comezou o pasado venres e se prolongará ata o vindeiro martes 26, percorren os sendeiros do Camiño en bicicleta para dar ánimos e información aos peregrinos que o transitan.

 

Ademais, desenvolven accións de acondicionamento dos propios sendeiros na contorna e accións de dinamización, que consisten na organización de actividades para os peregrinos que establecen a fin da etapa na vila. Tamén desfrutan dun amplo programa de lecer, que inclúe tiro con arco, surf nas praias da Mariña ou xogos de escape, entre outras diversións.

 

Este campo de voluntariado forma parte da campaña de verán máis ambiciosa posta en marcha pola Xunta de Galicia. En total, póñense a disposición das mozas e mozos máis de 10.800 prazas, entre campos de voluntariado, campamentos, minicampamentos e outras actividades.

Imaxes relacionadas