A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, abordou cos responsables das principais asociacións de taxis da comunidade a orde de axudas que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia

A Xunta amplía en 400.000€ o crédito das axudas para adquirir taxis adaptados, de baixas emisións ou eléctricos, mobilizando un total de 900.000€

Amplíase a convocatoria publicada en decembro de 2021 á que se presentaron 192 solicitudes, que esgotou o crédito de 500.000€ e permitiu a concesión de 93 axudas

Estímase que co incremento de crédito publicado hoxe se poidan atender todas as solicitudes presentadas ata o momento

As subvencións son de ata 4.000€ para os taxis de baixas emisións, 6.000€ para vehículos de emisións cero e 10.000€ para coches adaptados á mobilidade reducida

A Xunta, desde 2016, leva concedidas axudas por importe de 3,6 M€ que facilitaron a compra de 227 taxis adaptados, 316 de baixas emisións e 15 de emisións cero

O Executivo autonómico, a través destes incentivos, apoia aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias
 

 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022

 

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 400.000 euros para ampliar o crédito das axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos, mobilizando un orzamento total de 900.000 euros nesta convocatoria.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, abordou cos responsables das principais asociacións de taxis da comunidade esta orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

Deste xeito amplíase a convocatoria de axudas publicada no DOG en decembro de 2021, á que se presentaron 192 solicitudes, esgotando o crédito previsto, que ascendía a 500.000 e que permitiu a concesión de 93 axudas.

 

A ampliación de crédito que hoxe publica o DOG permitirá atender todas as peticións presentadas ata o momento. No seguinte enlace pódese ampliar a información: https://xurl.es/1nhj4

 

Os beneficiarios destas axudas son titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

 

Os incentivos van dirixidos á compra de vehículos novos que se adquiran entre o 1 de outubro de 2021 e o 31 de outubro de 2022. Os beneficiarios deberán ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2023.

 

O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto nos mesmos termos establecidos na convocatoria de decembro de 2021, é dicir, ata o 15 de outubro.

 

Estas subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

 

O obxectivo é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes.

 

Con estas axudas, a Xunta tamén aposta por apoiar aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias e que, pese ás dificultades, fai un esforzo de adaptación continuo.

 

O Executivo autonómico, desde 2016, leva concedidos incentivos a este colectivo por 3,6 millóns de euros que facilitaron a compra de 227 vehículos adaptados; de 316 taxis de baixas emisións; e de 15 vehículos de emisións cero.

Imaxes relacionadas