A Xunta promociona Galicia e o Xacobeo coa actividade de estudo e aventura ‘Expeditio Traslatio’ da Ruta Quetzal

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, foi recibido polo director da iniciativa, Íñigo de la Quadra-Salcedo, e acompañou aos 150 mozos participantes no percorrido en caiac polo rio Miño entre os municipios de Tui e A Guarda na terceira etapa
 

A Ruta Quetzal, que cumpre este ano trinta edicións difundindo os grandes valores de Europa e América entre a mocidade, organizou esta actividade conxuntamente con Mar de Santiago e conta coa colaboración de Turismo de Galicia para difundir o Ano Santo
 

Nos seis próximos días os participantes desprazaranse a Oia, Baiona, as Illas Ons e Cíes, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Pontecesures, Valga, Catoira e Padrón para chegar o luns 25 de xullo, Día do Apóstolo, a Santiago de Compostela
 

Tui-A Guarda, 19 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, está a promocionar os atractivos turísticos da provincia de Pontevedra e do Camiño de Santiago ao tempo que difunde o Xacobeo coa actividade de estudo, convivencia e aventura Expeditio Traslatio da Ruta Quetzal, que se desenvolve durante dez días pola nosa comunidade coa participación de máis de 150 mozos.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participou hoxe na terceira etapa deste percorrido, que consiste nunha viaxe de aventura dende a localidade portuguesa de Braga ata Santiago de Compostela para revivir a historia do Apóstolo Santiago. O representante autonómico foi recibido no punto de partida, na praia fluvial de Eiras (O Rosal), polo director da Ruta Quetzal, Íñigo de la Quadra-Salcedo, e posteriormente, xunto aos 150 participantes, descendeu o río Miño en caiac entre Tui e A Guarda durante varias horas.

 

“Trátase dunha experiencia inesquecible para estes mozos, procedentes de moitos lugares do mundo, que quixen compartir con eles para seguir difundindo o moito que temos en Galicia e, por suposto, o Xacobeo e os seus valores, aspectos ademais que se verán reforzados internacionalmente pola forza, o recoñecemento e o prestixio da Ruta Quetzal”, explicou Luis López, que quixo agradecer ao colectivo turístico Mar de Santiago, conformado polos municipios de Vilanova, Catoira, Pontecesures e Valga, a organización desta actividade conxuntamente coa Ruta Quetzal.

 

“Esta viaxe de aventuras, á que se engade a forza mediática da Ruta Quetzal, discorre por gran parte da provincia de Pontevedra, con moitas paradas en localizacións do Camiño Portugués e da súa variante pola costa e por outros paraxes de primeiro nivel turístico como Cíes ou Ons, polo que se trata dunha oportunidade única para seguir dando a coñecer a Galicia no mundo”, manifestou o delegado territorial.

A Ruta Quetzal, que este ano cumpre trinta edicións difundindo os grandes valores de Europa e América entre a mocidade dende o seu nacemento en 1979, conta para esta actividade coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia polo dobre obxectivo de promocionar a nosa terra e o Ano Santo ademais de dalos a coñecer entre a poboación máis xove.

 

Tras esta terceira etapa, que rematará esta noite coa pernocta no camping de Santa Tegra, os 150 participantes completarán a súa viaxe cos percorridos entre A Guarda-Oia-Baiona, Ons-Cíes, Cíes-Sanxenxo-Vilanova, Vilanova-Padrón-Pontecesures e Pontecesures-Catoira-Valga para rematar en Santiago o vindeiro luns 25 e pechar a actividade ao día seguinte no municipio vilanovés.

Imaxes relacionadas