O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, impartiu hoxe un relatorio sobre esta temática na facultade de Medicina

A Xunta pon en valor o seu novo modelo de coidados no curso de verán da USC ‘A pandemia de covid-19: ensinanzas e progresos’

Compartiu cos participantes impresións e boas prácticas aprendidas durante esta crise sociosanitaria para mellorar a atención aos maiores

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo en valor esta mañá o novo modelo de coidados da Xunta de Galicia. Fíxoo durante o relatorio titulado A epidemioloxía da Covid-19 na terceira idade, que impartiu no marco do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC): A pandemia de covid-19: ensinanzas e progresos.

 

Durante a súa intervención, celebrada na facultade de Medicina, Antón Acevedo salientou os traballos que xa está a realizar a Xunta para a implantación deste novo modelo residencial. Asegurou que moitos dos seus piares, como a coordinación sociosanitaria ou a mellora tecnolóxica e de infraestruturas, derivan de leccións aprendidas durante os peores momentos da pandemia.

 

Ademais, o director xeral destacou o esforzo realizado polo Goberno autonómico e os traballadores de residencias para facer fronte ao coronavirus. Neste senso, sinalou que é un traballo que debe continuar aínda hoxe tanto dende as administracións como dende o sector, posto que a pandemia aínda non rematou e os nosos maiores seguen sendo un colectivo especialmente vulnerable.

 

Imaxes relacionadas