A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou esta mañá na presentación da Estratexia de Seguridade Viaria 2030

Ethel Vázquez chama a practicar a ‘Visión Cero’ para reducir ao mínimo as vítimas de accidentes de tráfico e acadar unha mobilidade segura para todos

Vázquez Mourelle destaca que o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025 da Xunta é a folla de ruta para traballar pola seguridade viaria na comunidade coa novidosa “Visión Cero”

Agradece o recoñecemento do Observatorio Nacional de Seguridade Viaria a ese plan de seguridade viaria autonómico por identificalo como referencia nacional na materia

O plan fixa o obxectivo de reducir o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías con respecto a 2019, e a redución do 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables como os peóns, ciclistas e motoristas

Para acadar estes obxectivos, a Xunta prevé a mellora das infraestruturas, a formación viaria ou a promoción do bo estado do vehículo

Ethel Vázquez subliña a complexidade de xestionar a seguridade viaria nunha comunidade como a galega, xa que factores como a orografía e dispersión xeográfica dificultan a activación de medidas, que adoitan tamén ser máis custosas
 

 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, chamou hoxe ás administracións e ao conxunto da sociedade a practicar a ‘Visión Cero’ para reducir ao mínimo posible as vítimas en accidentes de tráfico e acadar unha mobilidade segura para todos.

 

Vázquez Mourelle participou hoxe na presentación da Estratexia de Seguridade Viaria 2030 por parte do director do Observatorio Nacional de Seguridade Viaria, Álvaro Gómez, e da xefa provincial de Tráfico e coordinadora da DXT en Galicia, María Victoria Gómez, no que tamén participaron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones.

 

Neste acto, a conselleira destacou a importancia do intercambio de información e a suma de esforzos para reducir a sinistralidade nas estradas, un fin común de todas as administracións.

 

Puxo en valor o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, que aprobou recentemente a Xunta como folla de ruta para os vindeiros anos e que inclúe o enfoque novidoso da “Visión Cero”.

 

Ethel Vázquez agradeceu o recoñecemento feito polo director do Observatorio Nacional de Seguridade Viaria ao Plan autonómico, ao identificalo como referencia nacional na materia.

 

O Plan de seguridade viaria da Xunta recolle dúas metas estratéxicas, unha delas diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías, con respecto a 2019. O outro fito é reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables como os peóns, ciclistas ou motoristas.

 

A responsable de Infraestruturas subliñou que estes obxectivos son ambiciosos, pero están en liña coa meta fixada polos organismos europeos e internacionais.

 

Lembrou que o Plan de Seguridade Viaria de Galicia define 10 grandes retos para o período 2022-2025, onde se clasifican as diferentes accións que se van levar a cabo, co impulso das distintas consellerías da Xunta e coa colaboración doutras entidades e axentes sociais.

 

Referiuse, ademais, á complexidade de xestionar a seguridade viaria nunha comunidade como a galega, xa que factores como a orografía e dispersión xeográfica dificultan a activación de medidas, que adoitan tamén ser máis custosas.

 

Para acadar os obxectivos fixados no Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, o Goberno galego prevé distintas accións específicas que abarcan todos os ámbitos que afectan á seguridade viaria: a mellora das infraestruturas, a promoción da educación e formación viaria, o bo estado do vehículo ou a priorización da seguridade viaria no lugar de traballo.

 

Ethel Vázquez concluíu chamando a sumar esforzos para reducir o número de falecidos e feridos graves por accidentes de tráfico e acadar unha mobilidade segura para todos, xa que a seguridade viaria é responsabilidade de todos.

Imaxes relacionadas