A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou en Crecente na última xornada dos encontros #ConstruíndoFogar que percorreron Galicia nos últimos meses

A Xunta salienta que a Oficina de rehabilitación de vivenda recibiu case 6.000 consultas desde a súa posta en marcha o pasado mes de marzo

Ángeles Vázquez subliña que os 14 encontros #ConstruíndoFogar da Xunta achegaron información sobre os programas de axudas en materia de vivenda a case 1.700 persoas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria axudas do novo programa para a rehabilitación de vivenda a nivel de barrio, dotado para este ano con 11,5 M€, pero que mobilizará case 23 M€ de aquí a 2026
 

Crecente (Pontevedra), 19 de xullo de 2022
 

A Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha pola Xunta o pasado mes de marzo, recibiu xa preto de 6.000 consultas, segundo salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, en Crecente.

 

Este punto informativo, creado co obxectivo de asesorar e dar a coñecer entre os potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial, atendeu 5627 dúbidas por vía telefónica e 214 de xeito presencial na súa sede de Santiago de Compostela.

 

14 encontros informativos #ConstruíndoFogar

Durante o derradeiro encontro #ConstruíndoFogar que tivo lugar hoxe en Crecente, Ángeles Vázquez subliñou que as 14 xornadas celebradas desde o pasado 21 de febreiro por toda a xeografía galega permitiron achegar información sobre os programas de axudas en materia de vivenda a máis de 1.650 persoas, entre particulares interesados, autoridades municipais e representantes de entidades e empresas relacionadas co sector como inmobiliarias, colexios oficiais de arquitectos, comunidades de veciños, xestorías ou asociacións de empresarios e da construción.

 

O obxectivo destes encontros era informar dos requisitos que se deben cumprir para poder beneficiarse de cada axuda, así como dos trámites a realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes aínda de publicación.

 

Así, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) deu conta dos diferentes programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia, a maioría deles dirixidos aos particulares, pero tamén nalgún caso dirixidos exclusivamente aos concellos. Ademais, brindouse información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda, tanto en réxime de compra como de alugueiro.

 

Ángeles Vázquez considerou fundamentais estes encontros para dar a coñecer a existencia de todas as liñas de subvención dispoñibles, para animar aos posibles beneficiarios a presentar as súas solicitudes poñendo á súa disposición información directa, práctica e útil, e, sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.

 

Programa para a rehabilitación de vivenda a nivel de barrio

A maiores, a conselleira lembrou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria axudas do novo programa para a rehabilitación de vivenda a nivel de barrio, dotado para este ano con 11,5 millóns de euros, pero que mobilizará case 23 millóns de euros de aquí a 2026.

 

Dirixido a particulares e a entidades locais, permitirá financiar actuacións de rehabilitación enerxética sobre edificios e vivendas de uso residencial localizados dentro de ámbitos municipais concretos e previamente delimitados.

 

Deste xeito, os particulares poderán acadar o 80% do investimento —cun límite de 29.450 euros por inmoble— para mellorar ou rehabilitar as súas vivendas co fin de obter un aforro enerxético de, polo menos, un 30%. Os concellos poderán realizar tamén actuacións complementarias de urbanización, reurbanización ou mellora da contorna física no ámbito delimitado así como para investir en servizos como as oficinas de rehabilitación que faciliten a xestión das actuacións previstas sobre os inmobles de tipo residencial.

 

Neste sentido, a conselleira salientou o “impulso fundamental” que suporá este novidoso programa para as zonas escollidas, subliñando ademais que os municipios galegos con áreas de rehabilitación integral (ARI) ou áreas Rexurbe declaradas poderán acollerse tamén a esta liña de incentivos grazas ás xestións realizadas polo Goberno autonómico.

Imaxes relacionadas